Ao tempo, o país insiste a nivel da OPEP en que todos os países exportadores renuncien ao dólar, argumentando a perda de valor da divisa.
"Lévannos o petróleo e déixannos en troco un anaco de papel sen valor", ironizara nunha ocasión o presidente de Irán, Mahmoud Ahmadineyad, en referencia á significativa caída do dólar, que en apenas cinco anos perdeu case a metade do seu valor fronte ao euro. O executivo iraní confirma agora, a través do Ministerio do Petróleo, que deixa de vendelo en dólares por considerar que esta xa "non é fiábel" como moeda.
En Estados Unidos os analistas quítanlle importancia ao descenso do dólar, argumentando que por outro lado esa debilidade estimula as exportacións e reforza a balanza comercial en tempos de cambaleos económicos alentados pola crise hipotecaria. Pero a nivel da Organización de Países Exportadores de Petróleo, a OPEP, a situación implica unha importante perda de poder adquisitivo cando se opta por unha moeda con crecente perda de valor.
Tal é o argumento co que Irán xa teimou para que os países troquen o dólar por un conxunto de divisas, entre elas o euro. Na práctica, o impacto da renuncia ao dólar do que agora mesmo é o cuarto produtor mundial de petróleo, é un factor a considerar na avaliación desta moeda como referencia para o comercio internacional.
Nesa batalla, Irán contou xa coa simpatía de Venezuela, e o propio presidente venezolano, Hugo Chávez, indicaba hai pouco durante a conferencia de países exportadores que "a caída do dólar é a caída do imperio". Nesa xuntanza, a posición entre outros de Arabia Saudí, estreito aliado dos Estados Unidos, evitou que saíse adiante a proposta liderada por Irán e Venezuela para que os gobernos dos países membros da OPEP analizasen o posíbel efecto negativo nas súas economías da depreciación do dólar.