Esta semana coñecéronse dous novos casos da enfermidade en dúas vacas importadas de Alemaña por dúas granxas do país.
"Galiza é unha zona declarada libre de lingua azul", insistían este xoves desde a Consellaría de Medio Rural, explicando que os dous casos da enfermidade detectados se produciron en animais importados de Alemaña, polo que se trataría dun suceso illado. Neste sentido, desde Medio Rural subliñan a recomendación para os gandeiros de que se aposte pola adquisición de animais do propio país, evitando así a entrada de reses procedentes de zonas restrinxidas. Trátase dun criterio importante para que a cabana gandeira galega continúe libre desta enfermidade.
Por outro lado, desde o Ministerio de Agricultura, a ministra Elena Espinosa aproveitou a visita deste xoves a Ourense para destacar que un laboratorio veterinario de Galiza está fabricando "a vacina para a erradicación dos serotipos 1 e 4 desta enfermidade". Trátase dunha vacina "pioneira" a nivel europeo, que se comezaría a distribuír en breve. Ademais, Espinosa subliña que a situación non lle afecta ao consumo "nin á calidade alimentaria do gando que está no mercado".