Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Bilingüismo na educación

A permisividade lexislativa prexudica o ensino no noso idioma

O I Seminario de Planificación Lingüística que se está a celebrar en Compostela analiza os modelos educativos bilingües existentes no Estado.

Lucía Iglesias - 17:02 04/12/2007

Con motivo deste seminario, organizado polo Consello da Cultura Galega, debateuse sobre a situación da escolarización bilingüe en Euskadi, Valencia e nas Illas Baleares, ademais do caso galego. Os actos deste congreso continúan o martes con relatorios sobre o impulso ás linguas cooficiais e a necesidade dunha política lingüística de Estado.

A mesa sobre Os modelos educativos bilingües en España, contou coa presenza de Mikel Zalbide, polo Servizo de Euskera do Departamento de Educación do Goberno Vasco; Gabriel Biblioni, por parte da Universidade das Illas Baleares; Josep María Baldaquí, da Universidade de Alacante; e o escritor e membro do Consello da Cultura Galega, Agustín Fernández Paz.

O galego e o novo Decreto

Dende as primeiras normativas sobre o uso do galego no ensino, atopáronse, segundo indicou Agustín Fernández Paz, unha gran cantidade de “prexuízos moi fortes, por parte das elites que rexeitaban a normalización”. Non sería até o 83 cando se garantise lexislativamente a liberdade lingüística, coa lei que ten como obxectivo o dereito dos estudantes de ser competentes en galego e en español, independentemente da lingua familiar.

O escritor denunciou a permisividade ante o incumprimento das leis debido a unha “política lingüística cómplice e desleixada” e unha “cautela excesiva ante os avances do galego”. Con respecto ao novo Decreto de promoción do galego no ensino aprobado no mes de xuño, Fernández Paz indicou que debería ter como obxectivo que “ningún centro se converta nun ecosistema hostil para a lingua galega” e que o alumnado galegofalante poida "comunicarse na súa lingua e aprender as competencias necesarias para desenvolverse en español ou viceversa".

Pero o perigo, é que esta é unha proposta “falta de apoios” , o que pode provocar que pase o mesmo que cos decretos anteriores: “que non se cumpran os mínimos, e que a percepción social sexa que a lingua galega está tan subordinada que nin sequera se teña en conta a cativa lexislación”.

O problema vasco
O caso vasco, segundo indicou Zalbide, é diferente ao resto das situacións das linguas cooficiais estatais, xa que segundo el mesmo indicou, “é unha lingua rara, non se coñece de onde provén e isto dificulta aínda máis o camiño na vertente educativa”. O representante do Servizo de Euskera manifestou que na actualidade a práctica totalidade da poboación “precisa usar o castelán”, e só un terzo coñece o euskera. Datos preocupantes que están indo a peor, xa que cada vez hai unha “presenza crecente do español nos ámbitos tradicionais onde antes se utilizaba a lingua vasca”.

Malia isto, o marco educativo evolucionou a mellor no que se refire ao coñecemento do euskera, sobre todo no referente á educación dos máis pequenos, que xa dende os primeiros cursos comezan a ter o o vasco como lingua vehicular, ademais de como unha materia. A solución para superar estes atrancos pasaría, segundo Mikel Zalbide, por “euskaldunizar ao profesorado non vasco”.

A multiculturalidade balear
O modelo lingüístico balear, baseado no catalán, é moi diferente ao vasco. Segundo indicou o representante da Universidade das Illas Baleares, Gabriel Biblioni, na actualidade a metade das persoas que viven na comunidade non naceron alí, feito que marca tremendamente a realidade sociolingüística das illas, que en 20 anos pasaron de ser monolingües en catalán, a ter unha sociedade multilingüe e multicultural.

A lei das Illas Baleares, de 1986 fundaméntase en catro principios, a obriga do goberno de garantir que o catalán se converta na lingua vehicular do sistema educativo, o principio de integración de alumnos que falan distintas linguas, a obriga de que todos os alumnos se desenvolvan en español e en catalán ao rematar os estudos secundarios e a liberdade dos pais de escoller o idioma no que se eduque aos seus fillos na primeira ensinanza.

Até o 97 non se establece un mínimo de ensinanza en catalán, pero é a partir dese ano cando realmente se comeza a aplicar o catalán no ensino, xa que se fai obrigatorio que canda menos o 50 por cento das clases sexan impartidas en catalán. Coa aparición do decreto sobre trilingüismo, optativo para os centros, prodúcese unha involución, e a lingua estranxeira pasa a a supoñer un terzo ou un quinto das ensinanzas, polo que resulta imposíbel que a lingua catalá chegue a vehicular o 50 por cento do ensino.

Valencia
No caso valenciano, explicado por Josep María Baldaquí, destaca o cambio radical sufrido coa introdución no 83 dunha lei pola que se obriga ao uso do catalán en todos os centros educativos. O problema era que esta introdución non foi igual nas zonas valenciano falantes que nas castelán falantes. En Valencia retardouse a implantación do catalán como lingua vehicular, debido sobre todo á falta de profesorado. Ademais desta causa, existen dificultades para continuar estudando en valenciano na secundaria e tamén na universidade.


4,29/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: