Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AXUDA INTERNACIONAL

A Xunta anuncia 5,7 millóns para cooperación e as ONGD's lembran que a cifra está lonxe do prometido

As achegas para subvencionar os proxectos de cooperación non chegan aínda ao 0,1% do orzamento total.

Redacción - 19:05 29/11/2007
Máis de 600 galegos traballan na cooperación para o desenvolvemento

Máis de 600 galegos traballan na cooperación para o desenvolvemento

Na tarde da quinta feira a Xunta, reunida en Consello, facía públicos os orzamentos que van dedicar a subvencionar os proxectos de cooperación para o desenvolvemento e á sensibilización coas causas da pobreza, alén dos cartos destinados ás ONGD's galegas.

O orzamento total, duns 5.770 millóns de euros, divídese en varias liñas de actuación: un total de 3.750 millóns van para os proxectos de cooperación no exterior (desenvolvidos por ONGD's e por outros axentes de cooperación); 400.000 euros van para proxectos que teñan como obxectivo sensibilizar á sociedade galega sobre a situación dos países do sur e as causas da pobreza; as axudas públicas para a convocatoria de ONGD's ascenden a 3.750 millóns e a subvención para a realización de proxectos doutros axentes de cooperación é de 1.300 millóns de euros.

Ademais, o Goberno galego ten previsto destinar en 2008 e en 2009 un total de 300.000 euros, destinados a fortalecer o sector da cooperación, consolidando as ONGD's con domicilio social ou delegación permanente en Galiza.

Galiza, unha das comunidades que menos cartos destina á cooperación
Para o presidente da Coordinadora Galega de ONG's para o Desenvolvemento, Xosé María Torres Bouza (colaborador de Farmacéuticos Mundi) di que os cartos que a Xunta dedica a proxectos de cooperación e desenvolvemento non son dabondo. A pesares de que aínda non puideron ver con detalle os orzamentos, Torres contou que a cifra xeral non chega ao 0,097% do orzamento total da Xunta, e que é a cifra máis baixa de todo o Estado.

Xosé Torres lembrou tamén que a Xunta se comprometeu a chegar ao 0,4% do orzamento total en 2009. "Touriño prometeu hai dous anos (ao entrar no Goberno) que en 2009 chegarían ao 0,4%, pero tres anos despois non conseguiu sequera chegar ao 0,1%", salientou.

Deste orzamento, o que vai directamente para as ONGD's é a metade, segundo dixo Torres, e lembrou que noutras comunidades do Estado Español se destinaron o ano pasado, para subvencionar as organizacións, 325 millóns de euros, o 75% do orzamento total para a cooperación. "En Galiza a cantidade total para financiar os proxectos de desenvolvemento é moi escasa, e desta, o que se gasta nas ONG's é aínda menor".

Segundo Torres, o que queda agora é que a Xunta cumpra o seu compromiso. "Non é unha cifra que lles pedimos nós, é algo que eles prometeron en 2005, ao chegar ao Goberno. Daquela nós consideramos que era inasumíbel, e ao tempo estannos a dar a razón porque aínda non estamos no 0,1%, e non se ve por ningures o 0,2, ou o 0,3... non digamos ese 0,4%", comentou Torres, quen terminou por cualificar o orzamento de "decepcionante".


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Os cartos que a Xunta dedica á cooperación non son dabondos, segundo a Coordinadora Galega de ONG’s para o Desenvolvemento
Os cartos que a Xunta dedica á cooperación non son dabondos, segundo a Coordinadora Galega de ONG’s para o Desenvolvemento