Os comerciantes do centro histórico da vila mariñá pensaron en engadir outro personaxe que acompañe o mítico Papá Noel polas rúas.
Un Papá Noel e mais unha Mamá Noel han percorrer durante todo o Nadal as rúas do casco vello de Viveiro. A idea de que ambos os dous personaxes sexan os protagonistas da campaña de inverno foi do colectivo Centro Comercial Casco Histórico da vila, que ademais lles vai facilitar aos dous personaxes uns "vales" que entregarán aos compradores, para que logo estes os troquen por agasallos e produtos das tendas da zona.
Agora falta saber se a Mamá Noel vai ser tamén grosa, grande e vestida de vermello, mais sen a barba, ou se vai ser o prototipo máis explotado nestas datas: loura, cun traxe de Papá Noel e minisaia.