Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CONFERENCIA DE XOSÉ MANUEL BEIRAS

"O poder económico determina o mediático e este chantaxea ao político"

O catedrático de Estrutura Económica e dirixente nacionalista falou sobre a globalización e as súas consecuencias no marco do Simposio Internacional Pobre Mundo Rico.

Redacción - 18:30 22/11/2007

“O capitalismo xera un desenvolvemento desigual e a ideoloxía do mercado destrúe a solidariedade do ser, xerando competitividade, exclusión e violencia”, así se expresaba Xosé Manuel Beiras na conferencia que ofreceu en Lugo no marco do Simposio Internacional Pobre Mundo Rico, organizado polo Club Internacional de Prensa.

Durante o seu relatorio, o economista explicou como a globalización modificou as relacións entre os poderes social, económico e político e os cidadáns, o que produciu un cambio nos poderes do Estado. Citando a Ignacio Ramonet, Beiras afirmou que “o que hai hoxe en día é un poder económico que determina un poder mediático, e este poder mediático chantaxea ao poder político”. Os cidadáns quedarían entón debaixo de todo este sistema, a pesar de que “somos os titulares da soberanía”.

Como solución a este problema resultante do sistema capitalista da globalización neoliberal, Xosé Manuel Beiras avogou por dar máis protagonismo aos cidadáns, e puxo exemplos como os casos de Venezuela, Ecuador e Bolivia. Así mesmo tamén se mostrou partidario de recuperar os principios básicos dos conceptos de democracia, anteriores incluso á revolución socialista, a través dunha “democracia horizontal” e que pasa polo restablecemento do concepto de comunidade.

Vixencia do imperialismo
Ao falar sobre a globalización, o catedrático de Estructura Económica explicou que na actualidade o “sistema-mundo” ten as mesmas características económicas, políticas e sociais que o imperialismo de principios do século XX, mais con certas mutacións. “A fase que se denominou globalización comeza coa elección de Ronald Reegan nos Estados Unidos e de Margaret Tatcher no Reino Unido”.

“A globalización non é máis que unha fase no desenvolvemento do proceso de mundialización do capitalismo como un modo de produción dominante no planeta” comentou Beiras. Esta fase, encaixaría entón “dentro dun período que dende comezos do śeculo XX se denominou Imperialismo, e que aínda segue vixente”.


4,72/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: