Comeza o ciclo organizado para dar a coñecer escritores galegos en Cataluña e preséntase a tradución ao catalán de Males de cabeza.
Capa de "Mals de cap"
Cadrando coa presentación da tradución ao catalán de Males de cabeza, entre o 25 e o 27 de novembro ten lugar un intenso programa de conferencias e charlas de Fran Alonso. Con estes actos ábrese o ciclo Conversas con…, organizado por Filologies Gallega i Portuguesa da UB, o Lectorado de Galego da UAB e mais a AELG para dar a coñecer escritores galegos entre a comunidade universitaria e os lectores de Cataluña.
Nas súas intervencións nas universidades Fran Alonso céntranse na experiencia da escrita e a relación do autor co seu tempo e está previsto un encontro cos lectores do club de lectura do Centro Galego de Cerdanyola sobre Males de cabeza. Así mesmo participa na presentación no Saló del Llibre de Barcelona da tradución ao catalán de Mals de cap. Publicado por El Cep i la Nansa, a súa tradutora, Fina Iglesias, acadou unha axuda á tradución da Institució de les Lletres Catalanes. Todas as actividades están abertas ao público interesado.
Fran Alonso (Vigo, 1963), narrador e poeta, é autor de libros como Males de cabeza (2001) e Subversións (2001). Interesado tamén pola literatura infantil e xuvenil, preparou unha antoloxía da poesía galega para lectores mozos titulada Poetízate (2006), que tivo unha boa acollida por parte da crítica e dos lectores e Cartas de amor (2007). Colabora de xeito habitual en xornais galegos e mantén un blog, Cabrafanada.
Presentación de Mals de Cap, editado por El Cep i la Nansa, coa participación do autor, Fran Alonso, o editor, Francesc Mestres, e a tradutora, Fina Iglesias.
Domingo 25 novembro 2007, 11:30
Saló del Llibre de Barcelona
Fira de Barcelona, Espazo Alexandria, Pavelló 1, Stand B025, Montjuïc- Barcelona
Escribir amordazado, conferencia de Fran Alonso
Luns 26 novembro 2007, 10:00
Ed. Josep Carner, Aula 0.1
Facultat de Filologia, Universitat de Barcelona
c/ Aribau, 2 – 08007 Barcelona
Coloquio sobre Males de cabeza no Club de Lectura do Centro Galego de Cerdanyola, coa participación do autor
Luns 26 novembro 2007, 19:30
Centro Galego de Cerdanyola
c/ Picasso, 2-4 –08290 Cerdanyola del Vallès
O escritor e a obra ante o seu tempo, conferencia de Fran Alonso
Martes 27 novembro 2007, 15:00
Facultat de Lletres, Aula 106
Universitat Autònoma de Barcelona
08193 Bellaterra