Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Os TEDAX trasladáronse até o lugar

Unha falsa alarma de bomba alporiza Monte Pío

"Un bidón sospeitoso" nas inmediacións da residencia do presidente da Xunta mobiliza á Policía.

Redacción - 17:29 17/11/2007

A presenza "dun bidón sospeitoso" situado na zona da Costa de Santa Isabel de Compostela, nas inmediacións do complexo onde reside o presidente da Xunta obrigou este sábado ao mediodía a mobilizar un amplo dispositivo policial que comprobou que se trataba dunha falsa alarma.

Efectivos da Policía Local mantiveron acordoada a rúa Costa de Santa Isabel durante case dúas horas ante a presenza dun bidón de aparencia metálica que levantou as sospeitas dos axentes, polo que se deu aviso ao equipo dos TEDAX da Coruña para que comprobase de que se trataba.

Tras as análises, os TEDAX ratificaron sobre as 15.30 horas que non había rastro de material explosivo, e verificouse que en realidade se trataba dun pequeno bidón de plástico pintado cun esmalte metalizado que contiña xiringas sen usar.

A concelleira de Seguridade Cidadá de Santiago, Marta Álvarez-Santullano, que se trasladou até o lugar, explicou aos medios que cren que houbo "unha intención de asustar" coa colocación deste bidón, mais ratificou que se tratou dunha falsa alarma.

O tráfico quedou restabelecido sobre as 16.00 horas, e os veciños que permanecían nas súas casas coas fiestras pechadas e as persianas baixadas por orde da Policía puideron saír ao exterior.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: