Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Dous anos despois do operativo policial

A AMI presenta un completo informe sobre a 'Operación Castiñeira'

Salientan a "utilidade" do material -público, tras a apertura do sumario- para que os movementos asociativos do país coñezan o xeito de traballar da Policía.

Redacción - 17:10 17/11/2007
A presentación tivo lugar na Casa Encantada de Compostela, este sábado

A presentación tivo lugar na Casa Encantada de Compostela, este sábado

A Assembleia da Mocidade Independentista (AMI) presentou este sábado en Compostela un completo informe sobre o dispositivo policial que hai dous anos levou á detención de varios membros desta asociación, e a apertura dunha investigación xudicial, denominado Operación Castiñeira.

No texto -que será pendurado na web a vindeira semana-, a AMI fai unha valoración política daquelas detencións, e recompila nun amplo dossier os documentos elaborados pola Policía e pola Garda Civil no transcurso da investigación, públicos dende a apertura do sumario.

"Cada vez máis camiñamos cara a Estados represivos", sinalou Maria Osório, unha das representantes da AMI que xunto con Miguel Garcia e Xan Bagaria foron os encargados de presentar o informe, na Casa Encantada de Compostela, ante unhas trintena de persoas.

Segundo os voceiros, a 'Operación Castiñeira' fíxose coa intención de "ilegalizar a asociación" e de "criminalizar o movemento independentista".

Material de utilidade

Ademais, salientaron a "utilidade" que ten o material para coñecer o funcionamento do traballo de investigación que realizan as Forzas de Seguridade sobre os diferentes grupos asociativos galegos. Neste senso, afirmaron que o sucedido coa AMI, non só lles afecta a eles senón tamén "ao conxunto de movementos sociais do país".

Os responsábeis da AMI advertiron dos perigo que supón a "dependencia das novas tecnoloxías", tal como o correo electrónico, que son "aproveitadas" polas forzas policiais no seu traballo de intelixencia. Así, confesaron que dende o verán de 2005, a Policía controlou todas as chamadas realizadas dende "máis de 500 números de teléfonos móbiles".

Por último consideraron que o informe da investigación policial mantén un "estilo obxectivo", mais que unha "lectura subxectiva" do mesmo, xunto cunha reconstrución "errónea", dos feitos pode levar a unha impresión trabucada do grupo e a súa criminalización por parte da Xustiza.


4,13/5 (23 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: