Presentan en Samos a rede de servizos avanzados de telecomunicación que permitirá conectarse á internet e asistir a cursos formativos para o manexo das novas tecnoloxías.
Medio Rural e Industria impulsan o program
O Goberno presentou este sábado o proxecto piloto iniciado no Concello de Samos e no de Folgoso do Courel para a implantación da rede Wimax, que ofrecerá a posibilidade de conectarse á internet e asistir a cursos formativos para o manexo das novas tecnoloxías.
O director xeral de Desenvolvemento Rural, Edelmiro López, e a directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, Helena Veiguela, foron os representantes gobernamentais no acto, celebrado no Mosteiro de Samos.
Con este proxecto preténdese o desenvolvemento económico, tecnolóxico e social das comarcas dos Ancares e Courel, ofertando ferramentas e formación para favorecer o crecemento económico das pequenas empresas a través do comercio electrónico ou o marketing a través da internet
Fixar a poboación no rural
Ademais, búscase fortalecer o tecido asociativo, a fixación da poboación no medio rural e a incorporación da mocidade e das persoas maiores ás tecnoloxías de última xeración utilizadas nas áreas máis urbanas.
No acto de presentación amosouse a posibilidade de navegar por internet na zona, cun acceso á versión beta do futuro portal web (www.galizarural.net). Ademais, os asistentes puideron participar nunha videoconferencia, usando Skype entre o Mosteiro e o Concello de Samos, e realizaren unha chamada de voz IP.