Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Por unha terra viva e unha vida digna para tod@s!

Nace a rede ''GALIZA NON SE VENDE''

As organizacións e colectivos que conformamos a Rede Litoral Vivo, entendemos necesario estender a rede cidadá para incorporar a outras plataformas e entidades cívicas cuxo principal obxectivo é acadar unha xestión máis sustentábel e solidaria dos nosos recursos naturais e pular por unha ordeación do territorio racional e socialmente xusta. Alén do litoral, hoxe están ameazados grande parte do noso patrimonio natural, histórico, etnográfico e mesmo os xeitos de producción propios, pola extensión dun modelo económico insolidario e depredador ao servizo dos intereses capitalistas e especulativos.

Redacción - 16:15 16/11/2007
Tags:

Por iso, e para extender na nosa acción cívica a eses eidos, é polo que acordamos pasar a denominarnos Rede GALIZA NON SE VENDE. As nosas accións irán xa que logo encamiñadas a:

• Intercambiar información e experiencias entre persoas e colectivos en defensa do patrimonio natural, social e cultural de Galiza e dos seus valores ambientais propoñendo alternativas de uso, conservación e restauración que manteñan a súa integridade. A Rede GALIZA NON SE VENDE actuará de multiplicadora dos esforzos destinados a xerar alternativas e cambios no modelo de xestión do territorio.
• Apoiar ás mobilizacións sociais en defensa dos valores do territorio e actos de protesta pola represión e a inxustiza (denuncias, xuízos) contra persoas e colectivos que pacificamente están a exercer o libre dereito a defendelo e da súa legalidade, difundindo alertas e convocatorias de mobilización.
• Difundir as novas dos colectivos, logrando que transcendan do ámbito local, convertendo a Rede GALIZA NON SE VENDE nunha ferramenta de amplificación da problemática do territorio galego e permitindo adoptar unha visión de conxunto das agresións ao noso patrimonio natural.
• Aumentar a sensibilización social mediante a divulgación e a concienciación da cidadanía ofrecendo unha canle de denuncia e participación activa.
• Xerar sinerxias que permitan mellorar a capacidade de presión sobre gobernos e empresas sumando as forzas dos colectivos integrantes.

A Rede, da que non farán parte forzas políticas e sindicais, será horizontal e cunha estrutura mínima. O protagonismo será dos colectivos integrantes. Facemos dende aquí o chamamento a incorporarse a ela a tódolos grupos sensibilizados pola protección do noso territorio.

Este movemento nacido como Rede Litoral Vivo e hoxe rebautizado como “Galiza non se vende” comeza con un chamamento á acción, a amosar a oposición cidadán ao terrible ritmo de destrución que está a sufrir o territorio galego: un plan de acuicultura pensado para as multinacionais; un plan de portos deportivos que supón un terrible ataque á riqueza natural das nosas costas; unha lei de minaría que fai explotables todos os tipos de chan, incluso os de protección de espazos naturais; unha lei de pesca que pretende privatizar o marisqueo e tirarlle o poder de decisión as confrarías; un urbanismo salvaxe que as administracións non son quen de conter; a proliferación de parques eólicos e centrais hidroeléctricas privatizando os recursos públicos; Reganosa, coa súa perigosa e ilegal situación... Nunca os ataques foron tan sistemáticos nin contaron con tan unánime silencio político. É a cidadanía a que ten que reaccionar e manifestarse, polo que vos convocamos a unha manifestación nacional o vindeiro 17 de febreiro en Compostela para berrar que Galiza non está en venda e esixiremos responsabilidades aos que tentan malvendela.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: