Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Levan o caso ante o Seprona

Unha asociación denuncia os dous "heroicos" pescadores que mataron un xabaril en Touriñán

Logo de que un xornal publicara esta semana unha nova na que se narraba a peculiar caza do animal en augas da Costa da Morte.

Redacción - 13:25 16/11/2007
Un xabaril no monte / Flickr: jose_arias

Un xabaril no monte / Flickr: jose_arias

O xornal La Voz de Galicia publicaba a quinta feira 15 de novembro un artigo no que se contaba ao detalle como Manuel García, un muxián afeccionado á caza, pescando cun seu amigo pola zona do Cabo Touriñán, atopaba un xabaril no mar.

Os dous homes deciden dar caza ao animal, sóbeno á súa lancha e, coa axuda dun coitelo que lles emprestan dous buzos que andaban pola zona, danlle morte.

Denuncia ante o Seprona
Agora a Asociación pola Protección Animal Abeiro vai presentar unha denuncia ante o Seprona, xa que consideran que os dous homes (cuxas imaxes e nomes e apelidos saían na información publicada), cometeron diferentes delitos ao matar o porco bravo: déronlle morte cun coitelo de submariñismo, arma non regulamentaria para a caza do xabaril; estamos en plena tempada de caza, mais os días permitidos para cazar son só as quintas e o domingo, e os muxiáns mataron o xabaril a pasada cuarta feira; o xabaril é un animal considerado cinexeticamente como "caza maior", e para matalo precísase unha autorización, da que os dous homes carecían.

"Seguimos torturando animais"
Nun seu comunicado, a presidenta da asociación Abeira, Susana Romero láiase de que, a pesares da existencia destes delitos, "os feitos son narrados alegremente, coma se dun filme de aventuras se tratase".

Romero conta como leu, horrorizada, a descrición dos feitos, que ela considera é "para amantes das películas de terror". Para ela "é horríbel ler, con todo luxo de detalles, como dúas persoas acosan e perseguen ate a extenuación a un animal cuxo hábitat non é evidentemente a auga, un animal que desesperadamente loita pola súa vida, mais non consigue chegar á terra firme".

Para Romero, os dous homes aparecen no xornal coma "valentes" que loitan dunha maneira desigual contra unha besta, xa que a descrición ("ignorando o mortífero poder dos revirados cairos do porco, capaces de esganar en segundos a un can de caza, dispuxéronse á súa captura. A falta de escopeta, un gancho dos empregados para subir a bordo as capturas pesqueiras serviu para facerse co control do animal...") colle un ton épico que non lle corresponde, "parece que fixesen unha fazaña", díxolle a Vieiros Susana Romero.

Xa teñen posto outra denuncia contra un programa da Galega
Esta é unha das moitas denuncias que a Asociación Abeiro ten posto na súa loita contra a tortura e asasinato de animais. Unha das máis coñecidas foi a que lle puxeron ao programa da Galega, Son de Estrelas, polo maltrato dun gato, ao que un neno lle disparaba cunha escopeta de balotes.


Ligazóns

4,93/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: