A empresa asegura que os investimentos proxectados noutros países non están relacionados cos proxectos que a empresa mantén en Galiza.
A multinacional acuícola quixo este xoves poñer distancia unha vez máis coa estratexia de enfrontamento despregada por outras empresas, como Pescanova, indicando que os proxectos de investimento que ten noutros lugares do Estado e fóra del, "non supoñen ningunha renuncia aos intereses en Galiza, onde se localiza a sede mundial da empresa".
O comunicado de Stolt Sea Farm-Prodemar sae ao paso das manifestacións públicas dos líderes do PPdeG, que afirmaran publicamente estes días que a empresa construiría unha planta acuícola en Marrocos polos presuntos problemas que a Xunta lle daría para os seus proxectos en Galiza. Stolt Sea Farm desminte así esa interpretación e de paso pide a mediación do Goberno diante da Dirección Xeral de Costas para "estabelecer excepcións xustificadas á súa política restritiva e indiscriminada".