A galega Pilar Ríos descubriu a través dun estudo na Antártida sete novas especies de esponxas que poderían ter activos anticancerosos.
Pilar Ríos, nada en Salamanca pero galega de adopción, acaba de recibir un sobresaliente Cum Laude pola súa tese sobre as Esponxas da orde poecilosclerida das campañas españolas de bentos antártico, trala súa lectura na Facultade de Bioloxía de Compostela, onde cursou os estudos. Un nome longo para unha investigación que durou nada menos que once anos. A bióloga comentou a Vieiros os puntos básicos das súas pesquisas.
Vieiros: Como decidiu emprender esta investigación?
Pilar Ríos: Comecei por influencia do que hoxe é o meu marido, Javier Cristobo. El xa estaba estudando as esponxas na ría de Ferrol e eu axudáballe. Ao finalizar a súa tese, no 94, propuxéronlle o estudo das esponxas na Antártida, e eu comecei dous anos despois. Foi o comezo de algo que se fixo para min apaixonante.
Pero non foi até 2003 cando puido visitar a Antártida...
Si, nese ano por fin viaxei até aló e foi unha experiencia moi interesante. Ao estar alí por fin puiden observar as esponxas no seu estado natural, o que me facilitou enormemente o meu traballo. Ves como viven, non é o mesmo que recibir as mostras no laboratorio, por fin atopas unha explicación en directo.
Canto tempo lle levou rematar a súa tese?
Pois tempo real foron dez anos, dende 1996 até 2005. Pero a verdade é que non foi un período de estudo constante. Tiven que compaxinar a realización desta tese con traballos na Consellaría de Pesca sobre o coñecemento do medio mariño e con outras actividades. Cheguei incluso a pasar preto de tres anos de interrupción, por un estudo dos bancos marisqueiros de Galiza. De ter traballado de forma seguida nela, o máis probábel é que puidese tela rematada ao cabo de cinco ou seis anos.
E cales foron ou son os obxectivos do seu estudo?
Realmente non é un obxectivo concreto, enmárcase dentro dun proxecto común, máis xeral, que pretende coñecer a fauna da Antártida, o único continente virxe, que non se pode explotar comercialmente. Buscamos investigar os organismos mariños, e en especial a súa taxonomía, que actualmente non é moi estudada.
As nosas investigacións teñen en moitos casos outras utilidades, xa que moitas das esponxas que estudamos teñen substancias bioactivas que son potencialmente anticancerosas. A continuación, realízanse os estudos necesarios por parte dos laboratorios para chegar a sintetizar quimicamente esas substancias. Aínda que hai que ter en conta de que estes son estudos a longo prazo.
Tamén é moi importante o coñecer os organismos que viven en cada lugar, en especial arredor da costa de Galiza, xa que ante calquera traxedia ecolóxica, como puido suceder co Prestige, faise necesario coñecer a fauna marítima para saber con certeza cal é a magnitude das desgracias.
Como será divulgado o seu traballo e en que se usará?
Os resultados publicaranse en revistas especializadas. O noso obxectivo é que cheguen á xente que os usa, a científicos que traballen con esponxas. Posteriormente temos tamén pensado sacar unha monografía e se se obteñen resultados importantes, tamén se pode dar a coñecer ao público en xeral. De todos xeitos, Hércules editará un libro coas campañas de Ventar, o proxecto xeral no que se insire a miña investigación, e tamén está previsto que se realice unha exposición itinerante por varias cidades do Estado.
E en canto ao financiamento para levar a cabo o seu proxecto, resultoulle difícil atopar axudas?
A verdade é que as únicas axudas que atopei viñeron da man da Universidade de Santiago de Compostela (USC), para estancias no estranxeiro. Cada vez é máis difícil atopar financiamento, habitualmente os criterios que se seguen son os do expediente académico, pero en moitos casos o expediente non reflicte a túa valía para levar a cabo un proxecto. Aínda así, admito que é moi complicado financiar a todo o mundo. Eu agradezo as axudas por parte da universidade, pero vexo fallos debido a que moitas veces estás en terras de ninguén, só se axuda a quen xa teñen medios.
Recentemente un estudo descubriu que moitos dos investigadores galegos se ven obrigados a traballar fóra do noso país debido á falta dun salario estábel, que opina vostede da situación da investigación en Galiza?
Unha grande parte da investigación en todas as universidades está soportada por bolseiros ou xente sen contrato que traballa unicamente por ilusión. A maioría destas persoas teñen que buscar algún outro traballo para sobrevivir, pero chega un momento no que é necesario cotizar á Seguridade Social e utilizar os coñecementos adquiridos na facultade para poder gañar a vida. En moitos casos a única saída que queda é marchar ao estranxeiro. Penso que este é un dos erros máis grandes das institucións galegas, invisten moitos cartos na formación dos alumnos para que outros países se beneficien. Aínda que ao principio non pensaba así, creo que todo isto solucionaríase se para traballar nunha investigación se fixese necesaria unha relación contractual.
Pensou vostede en marchar fóra?
Non, só o faría se me puidese dedicar ao que me gusta. Non creo que en cuestión de medios teñamos nada que envexar aos outros países. Estou moi satisfeita co traballo que realicei na USC, e non cambiaría nada, quizais só as condicións de traballo. Gustaríame terme dedicado á investigación de forma máis constante.
Xa por último, que pensa facer agora?
Pois ademais de estudar oposicións, pedín unha beca post-doctoral e é posíbel que marche cara o estranxeiro, pero debido a que se o fago é para desenvolver e divulgar o que aprendín nas miñas investigacións. Seguirei estudando as esponxas, que é o que me gusta.