Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Polémica Hugo Chávez-Juan Carlos de Borbón

Quintana comprende a actitude de El-Rei, mais critica a Aznar

Nunha entrevista en 'TVE' di que é inevitábel reclamar "que se manteñan as formas", mais que a maior falta de respecto é "entremeterse nos asuntos internos dun país soberano".

Redacción - 18:25 12/11/2007

O vicepresidente do Goberno, Anxo Quintana, sinalou este luns ao respecto do incidente entre o presidente venezolano Hugo Chávez, o español José Luis Rodríguez Zapatero e o xefe do Estado, Juan Carlos de Borbón, que "é inevitábel reclamar que, en calquera reunión de carácter internacional, estatal ou nacional, se manteñan o decoro e as formas".

Quintana, no transcurso dunha entrevista no programa Los Desayunos de TVE, matizou no entanto que "a maior falta de decoro e de respecto que pode cometer un responsábel político é entremeterse nos asuntos internos dun país soberano, e sobre todo, por parte dun gobernante como foi Aznar na súa etapa, amparando un intento de golpe de Estado en Venezuela".

Sinalou ademais que considera necesario un cambio de rumbo nas relacións que se manteñen con Latinoamérica: "Dáme a impresión de que seguimos co convencemento de que nos deben obediencia de por vida. Temos que facer un común esforzo de comprensión e de igualdade".

O vicepresidente recalcou que consideraba lóxico que "nese ámbito e nesa forma de proceder", houbese tamén unha interrupción por parte do xefe do Estado Español, "arrogándose un papel de moderador que debería ter feito a presidenta que naquel momento estaba moderando a reunión".

Diferenza de criterio no BNG
Porén, dentro da formación nacionalista, Movemento pola Base expuxo un criterio diferente nalgúns aspectos ao expresado por Quintana. "Defendemos o dereito á liberdade de expresión do presidente Chavez á hora de facer valoracións políticas sobre un personaxe como José María Aznar", ao que cualifican de "criminal de guerra" pola guerra de Iraq, e ao que acusan de "apoiar e colaborar co golpe de Estado contra o goberno lexítimo de Venezuela".

Cualifican ademais a intervención do monarca español de "maleducada, máis propia de quen viaxa a América con mentalidade colonial". "Por todo isto, pensamos que a maioría da militancia e base social do BNG non se ve representada polas palabras do portavoz nacional, Anxo Quintana, cando expresa a súa comprensión á inxustificábel actitude dun monarca que, como demostran as actuacións xudiciais dos últimos meses, non convive demasiado ben coa liberdade de expresión", afirman nun comunicado.

Outros temas da entrevista a Quintana
O vicepresidente asegurou que, cando se reclama que sexa Galiza a que teña a competencia en Salvamento Marítimo "parece que a competencia en vez de darlla a Galiza, se lle dá a alguén que está fóra do Estado, mais nós tamén somos o Estado, que non se preocupen".

Ademais, explicou que, cando se pide a transferencia dunha competencia como Salvamento Marítimo, estase a apostar por pasar dunha visión antiga do Estado, "totalmente centralizado", a un Estado que funcione "coordinadamente en rede".

Lingua galega

Preguntado sobre algunhas afirmacións que falan de que en Galiza se persegue ao castelán, Quintana afirmou que, no país, "a día de hoxe, é totalmente imposíbel que un neno non o aprenda".

Neste senso puxo como exemplo aos seus dous fillos: "Na miña casa fálaselles unicamente en galego; van a unha galescola en que se lles fala unicamente en galego; os seus avós fálanlles en galego; mais eles falan en castelán. Por que? Porque a vida, a rúa e a televisión son en castelán."


4,23/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: