A actriz galega acaba de recibir o premio Ojo Crítico de cinema polo seu papel de Inés nas Mataharis de Icíar Bollaín. Vieiros recolleu as súas primeiras impresións.
Dende o estudio onde está a gravar o seu último proxecto, María Vázquez comentounos ilusionada os seus plans para o futuro. Con tan só 28 anos esta galega leva ás súas costas unha longa traxectoria no mundo do cinema e do audiovisual. A súa última conquista: o premio Ojo Crítico de cinema, que cada ano entrega o diario cultural de Radio Nacional de España (RNE).
Vieiros: Que significa para vostede este recoñecemento na súa carreira?
María Vázquez: Pois a verdade é que me fai moitísima ilusión. Sempre é bonito recibir premios, e máis cando veñen dun xurado que conta con grandes personaxes do cine como poden ser Daniel Sánchez-Arévalo ou Gerardo Olivares. Penso que é moi importante, pero que máis importante aínda é seguir a traballar, que é a miña prioridade.
Esperaba o premio?
A verdade é que non. De feito a primeira noticia que tiven foi grazas aos meus amigos, que comezaron a mandarme mensaxes ao móbil felicitándome.
Malia que aínda é moi nova, xa traballou con directores como Icíar Bollaín. Jorge Coira ou Montxo Armendáriz, como é estar ás ordes destes grandes do cinema actual?
Teño que admitir que é un luxo. Son persoas que teñen moi claro o que queren e saben ben o que buscan de ti. En moitos casos temos que repetir as tomas ou ensaiar unha e outra vez as escenas, pero a verdade é que o resultado final paga a pena. Outra das cousas boas que teñen estes directores é que xa tes referencias sobre eles, é moi doado confiar neles, e tamén é moi cómodo, xa que coñeces o seu método de traballo e a súa obra.
Hai alguén con quen desexe vostede traballar especialmente?
Gústame máis elixir a miña participación nos filmes segundo as historias que conten, non tanto polos directores. Aínda así, encantaríame participar nalgunha película de Isabel Coixet, gústanme moito as súas obras e a forma que ten de abordar os temas.
E se falamos de actores?
Hai moitos..., o grande Javier Bardem ou Luís Tosar, que a pesar de que xa nos coñecemos, aínda non coincidimos en ningunha película xuntos.
Podería dicirme cal foi o traballo que máis lle marcou até o de agora?
Para min son todos especiais. Dende Silencio Roto, que foi a miña primeira película, até La noche del hermano, o meu primeiro papel protagonista, pasando como non por O ano da carracha, o meu primeiro filme en Galiza. Cada unha delas faime lembrar algo diferente e moi importante para min. O que me gustaría dicir tamén é que cada unha destas obras fíxenas porque quixen, nunca me vin obrigada a traballar en algo no que non me atoparía a gusto.
Segue vostede entón unha coherencia nos proxectos que realiza, resúltalle moi difícil acadar unha estabilidade profesional?
Si, en moitos casos tes que escoller entre traballar ou seguir os teus principios. Persoalmente, trato de ser moi crítica cos traballos que realizo e co mercado. Eu pasei por etapas nas que non me chegaba ningunha proposta, e é moi difícil sobrevivir así. Afortunadamente, teño que agradecer o papel que xogou a miña familia, sempre me apoiaron e fixeron todo o posíbel por que acadara os meus obxectivos.
Vostede ten feito pequenas incursións na cinematografía galega, que opinión ten sobre a situación na que actualmente se atopa o audiovisual do noso país?
O panorama audiovisual en xeral non se atopa moi ben ultimamente, e fáloche sobre todo do cinema. Actualmente está a diminuír o número de espectadores que acoden ás salas e cada vez é máis difícil producir unha película. Sen embargo, e a pesar da crise, semella que en Galiza se están a realizar moitos filmes, está en auxe a produción. Os galegos estamos sendo listos e sempre buscamos novas formas de saír adiante, ultimamente estanse a fomentar as coproducións con Cataluña ou con outras cinematografías e a min paréceme unha idea xenial.
E que opina sobre o papel das institucións á hora de fomentar o cinema?
É moi necesario, e máis aínda neste momento de “crise”. Ten que haber alguén que dea un empurrón aos filmes galegos. Hai moitas películas que nin sequera chegan a estrearse, e habería que facer todo o posíbel por sacalas á luz.
Cando vai volver traballar en Galiza?
Pois agora mesmo! Estamos rodando unha serie que vai levar por título O padre Casares. Trátase dunha serie rural, pequena, cun humor especial, ese humor que nos caracteriza aos galegos. O director é Jorge Coira, co que xa traballei n'O ano da Carracha e está previsto que se emita na Televisión de Galicia a partir de xaneiro.