Nos mesmos días de xullo de 2005 que deixaba adxudicadas tamén varias obras da Cidade da Cultura.
"Non era do que máis satisfeito se sentía, e agora cala a boca", criticou o voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, ao respecto da viraxe no discurso de Alberte Núñez Feijoo. O líder do PPdeG recoñecera hai meses publicamente que a tramitación do proxecto do Gaiás non era "do que máis orgulloso" podía estar o PPdeG respecto á etapa no goberno.
Preguntoulle ao fío Carlos Aymerich se o cambio de opinión de Feijoo ten que ver con algún tipo de "presión" do anterior responsábel de Cultura, Xesús Pérez Varela, sobre Núñez Feijoo "para obrigalo a calar". Aymerich recordou que Pérez Varela puntualizara ao respecto daquelas declaracións de Feijoo no mes de agosto que o ex vicepresidente primeiro da Xunta "é tan responsábel coma os demais" da xestión do Gaiás.
Foi nese sentido que Aymerich desvelou que durante os últimos días do goberno en funcións, na altura do 17 de xullo de 2005, o Instituto Galego de Vivenda e Solo, daquela dependente directamente da consellaría de Política Territorial, xestionada por Alberto Núñez Feijoo, adxudicou un contrato de difusión de actividades da Bolsa de Aluger á empresa Eulen, da que é apoderada Micaela Núñez Feijoo, irmá do agora presidente do PPdeG.
O deputado nacionalista tamén acusou o presidente do PPdeG de non facer nada "diante da violación flagrante da lei de incompatibilidades" do daquela conselleiro Pérez Varela quen "montou unha empresa adicada aos mesmos asuntos relacionados coa consellaría que xestionaba". "Por que non lle pediu que dimitise?", preguntoulle.