Cruzáronse duras palabras Xesús Pérez Varela e o voceiro do BNG, Carlos Aymerich, logo de que o nacionalista dese detalle dos "negocios" presuntamente tecidos polo ex conselleiro arredor do proxecto do Gaiás.
"Vai máis aló dun proxecto de partido, é de pobo, de país, de nazón", afirmou o ex conselleiro de Cultura, Xesús Pérez Varela, nun inicio da súa intervención onde non reparou en cualificativos para unha obra que definiu como "a máis emblemática" e a "máis importante" para "o presente e o futuro de Galiza". Perez Varela presumiu de que o proxecto do Gaiás fora até dúas veces nos programas electorais do PPdeG e as dúas "apoiado maioritariamente nas urnas".
Un sorrinte Xesús Perez Varela relatou na súa comparecencia que o proxecto fora deseñado "milimetricamente" por un equipo "interdisciplinar". "O primeiro que se pensou foi na biblioteca central, aínda que outros prefiran chamala nacional", explicou. "Somos o país máis nidio e diferenciado do Estado, por que non imos ter logo unha gran biblioteca nacional que sexa un símbolo?", indicou. Referiuse a continuación á Hemeroteca Nacional, o Museo da Historia e o edificio das novas tecnoloxías como chanzos seguintes do proxecto. De seguido, sinalou que o teatro da música e a ópera fora proxectado coa convicción de que "podía ser rendíbel" se Galiza era capaz de "liderar o noroeste peninsular: Braga, Porto, Asturias, Valladolid" sumando así "masa crítica suficiente" para traer "as grandes obras de Milán, Barcelona ou París e non as miniaturas que se traen agora".
Dun edificio por cidade ao "contrapunto entre o Santiago clásico e a nova arquitectura"
"Chegouse a pensar en poñer un edificio en cada cidade", recoñeceu o ex conselleiro referíndose ás supostas diferencias de opinión que dentro do propio goberno Fraga había sobre a iniciativa, e destacando que se escollera Santiago como "chegada do Camiño e representante xenuína de Galiza fóra de Galiza".
Falou Pérez Varela ao respecto de dúas grandes finalidades coa idea da Cidade da Cultura, a primeira delas "fixar e consolidar a enorme corrente turística que Galiza tivo nos últimos quince anos". A maiores, o ex responsábel de Cultura na Xunta referiuse á necesidade de "facer unha icona e rachar cos tópicos de minifundismo, atraso secular e falta de multiculturalidade". "Un símbolo que coloca un pobo na esfera internacional", afirmou.
O ex conselleiro evita responder sobre a rede "tecida" á beira do Gaiás
"Podiamos rir co seu relato", reprochoulle o voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, ao ex conselleiro de Cultura, "pero nesta altura non nos fai ningunha gracia o que hai por baixo da súa actuación e imposturas". "Vostede vende un proxecto que non existiu", engadiu Aymerich acusándoo de ser o principal responsábel "da desviación orzamental e concentración de contratos en diversas empresas" desde o día en que fiel ao mandato do ex presidente Manuel Fraga, expresara publicamente "bendito sexa deus, imos tirar para adiante con este tema".
"Vostede é artífice da rede de intereses tecida arredor da Cidade da Cultura", subliñou Aymerich. Ironizou o deputado do Bloque sobre o suposto equipo "interdisciplinar" ao que se referira Pérez Varela, exemplificando co acontecido co grupo asesor para o edificio de novas tecnoloxías, toda unha serie de altos cargos que dun día para o outro "póñense a montar empresas".
"Como e canto incrementou vostede o seu patrimonio durante os anos de xestión na Xunta?", preguntoulle o voceiro do BNG a Pérez Varela, recordando ademais a empresa que en 2005 constituíu xunto con súa muller. Aymerich acusou o ex conselleiro dun compromiso "impostado" coa cultura galega, denunciando que o seu interese principal eran "os cartos e o gran negocio persoal e político no que se convertería o Gaiás". Na opinión do deputado nacionalista, as contratacións e privilexios outorgados pola Consellaría liderada por Pérez Varela fixeron concesión con "todos os sectores", desde "o birrete de Pontevedra", até "a boina de Lugo e Lalín".
Cara á fin da intervención de Aymerich, e cando este o interrogaba sobre o aumento do seu patrimonio de forma paralela aos seus anos no goberno, Pérez Varela adicoulle ao actual deputado o cualificativo de "miserábel". Aymerich retrucoulle ao ex conselleiro definíndoo de "delincuente". O tirapuxa continuou despois, con Xesús Pérez Varela falando da "ruindade dalgúns que mentres sigan así non se consolidarán como demócratas". Ao fío, Carlos Aymerich apúxolle a Pérez Varela que non pretendese "dar leccións de demócrata", recordando os textos dos anos 80 onde o que foi conselleiro con Manuel Fraga "brindaba con Tejero polo éxito do golpe".
"Temos dereito os galegos á verdade?"
Así llo preguntou ao ex conselleiro o voceiro do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, facendo un repaso polas irregularidade sobre as que o socialista insistiu en que Xesús Pérez Varela é "persoa decisiva" á hora de dar explicacións. O deputado do PSdeG criticou por exemplo as declaracións en prensa do ex responsábel de Cultura nas que este aseguraba que o chimpo do orzamento até os 284,5 millóns de euros era coñecido por opinión pública e Parlamento desde tempo atrás. Recordoulle Leiceaga que, paradoxalmente, as adxudicacións realizáronse estando o goberno en funcións e co Parlamento disolto.
Lembrou tamén o deputado socialista a ausencia de explicacións e comparecencias do ex conselleiro durante a súa etapa no Goberno, na que evitou dar contas e explicar o detalle do proxecto no Parlamento. Recordou por exemplo que o propio Pérez Varela manifestara no seu momento que "o importante é o proxecto e co tempo xa se verá o seu uso". "E cando as ponencias facían cambios, avaliábase economicamente as implicacións que terían ou había barra libre", ironizou Leiceaga.