Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
PLAN DE TRANSICIÓN Á TDT

Boa parte de Galiza vivirá o apagón analóxico en 20 meses

As áreas de Santiago e Ourense Leste serán as primeiras en que se producirá o cambio televisivo, e a meirande parte das provincias de Pontevedra e Lugo, as últimas.

Redacción - 12:07 06/11/2007

Se está a agardar ao ano 2010 para mercar un descodificador de TDT, ou a súa comunidade de veciños aínda non adaptou a antena, ou pensa mercar un televisor sen esa tecnoloxía, saiba que pode que dispoña de menos tempo do que pensa. O Plan de Transición á TDT, que contempla diferentes fases para o apagón analóxico, fará que en moitas zonas do país só se poida ver chuvia nas pantallas a partir do verán de 2009.

O país divídese en seis áreas técnicas, que xa definira en xuño o grupo de traballo para o desenvolvemento da TDT de Galiza: Ares, Páramo, Santiago, Domaio, Meda e Ourense Leste. A estas zonas haille que sumar o concello da Fonsagrada, onde se está a desenvolver un plan piloto de adianto do apagón, previsto nese municipio para marzo de 2008, dentro de apenas catro meses.

Un ano máis tarde, concretamente antes do remate de xuño do 2009, deixarán de recibir televisión tal e como a coñecemos as áreas de Santiago e Ourense Leste. A primeira abrangue as comarcas de Santiago, Noia, Muros, Xallas, Fisterra, Arzúa, A Barcala, Terra de Melide e os concellos de Vilasantar, Mesía, Frades, Tordoia, Ordes, Trazo, Oroso, Agolada, Rodeiro, Lalín, Silleda e Vila de Cruces, mentres que en Ourense Leste atópanse as comarcas de Viana e Verín máis os concellos de Manzaneda, O Bolo, A Veiga e Larouco.

A seguinte fase, prevista para a fin do ano 2009, compóñena as áreas de Ares e Meda. A primeira está formada polo norte da provincia da Coruña máis o concello de Muras, e a segunda, polo resto da provincia de Ourense, a comarca da Terra de Lemos e os concellos de Dozón, Chantada e Carballedo. O resto de Galiza, dentro das áreas de Domaio e do Páramo, só dispoñerá de TDT como único xeito de ver a televisión, como moi tarde, o 3 de abril de 2010, data asignada para o apagón analóxico en todo o Estado Español.

Aínda quedan, porén, amplas zonas do país que carecen de cobertura da Televisión Dixital Terrestre ou, cando menos, de todas as súas canles. Segundo o plan de transición, a cobertura dixital debe igualar a analóxica, como mínimo, seis meses antes do apagón, para que dea tempo a que a cidadanía se adapte, polo que as empresas Retegal e Abertis Telecom, encargadas da difusión do sinal, se teñen que dar présa en cumprir cos obxectivos marcados.


Ligazóns

4/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: