Portugal aínda non convocou o concurso para a concesión das canles de TDT.
Finlandia dende o aire / Foto: NASA
Finlandia converteuse o día 1 no primeiro estado de Europa en efectuar o apagamento analóxico. Dende o sábado pasado, os finlandeses só poden recibir TDT a través das súas antenas de televisión. O proceso escollido no país nórdico foi que as canles analóxicas deixasen de emitir simultaneamente en todo o país, ás catro da mañá e mediante un simple clic de rato dun ordenador.
Así, as públicas YLE TV1 e TV2, as privadas MTV3 e Nelonen, a rexional Turku TV e a canle en sueco SVT xa só se poderán recibir en dixital, xunto con outras canles, non todas elas de balde. Deste xeito, Finlandia adiántase ao resto do continente, que deberá abandonar as emisións tradicionais, como moi tarde, no 2012, segundo a recomendación da Unión Europea.
Na outra punta do continente, Portugal aínda comezou esta semana as consultas públicas de cara a regular o concurso público de concesión de frecuencias dixitais. O goberno prevé que o concurso estea en lanzamento antes de rematar o 2007, aínda que vai ser difícil cumprir cos prazos. En principio haberá un bloque de canles en aberto e outro de pago.