A próxima asemblea do organismo tamén acordará impulsar a petición de reforma da Lei de Facendas Locais.
Á volta das pasadas eleccións municipais, Vieiros contáballes das nove exclusividades aprobadas polo goberno local de Sanxenxo, controlado polo PPdeG, un gasto conxunto de 413 mil euros para as arcas do concello e que ademais garantían que a alcaldesa cobrase máis de 56 mil euros limpos cada ano. O caso desta vila pontevedresa, con amago de corrección dos propios implicados, foi un dos mellores exemplos da polémica polos elevados salarios de alcaldes e concelleiros.
Fronte a esta situación, a Federación Galega de Municipios e Provincias, Fegamp, acordou meterlle man ao asunto. Así, os tres grupos maioritarios, PPdeG, PSdeG e BNG, incluíron unha proposta ao respecto nos relatorios que van ir a votación na asemblea do próximo 22 de novembro. O presidente saínte, o popular Xosé Crespo, indicou este luns que é necesaria a aprobación dun código ético que axude a "homoxeneizar" a situación salarial. Así, a Fegamp comprométese a elaborar un esquema de recomendacións para a retribución dos cargos electorais que sexan incorporadas despois á nova Lei de Administración Local.
Requirimentos económicos da caixa dos municipios
Houbo tamén consenso no relatorio sobre autonomía local onde fixan a petición da reforma da Lei de Facendas Locais do Estado, de xeito que os concellos poidan acceder a unha estrutura impositiva "que garanta unha capacidade real de recadación" que lles permita desenvolver con desafogo as súas competencias.
E tamén neste sentido que solicitan que os municipios se vexan compensados economicamente fronte aos aumentos de custo ou recorte de ingresos que impliquen as normas aprobadas polas outras administracións.
Por outra parte, o PPdeG segue rexeitando as presidencias de quenda. O alcalde de Lalín e presidente saínte da Fegamp, Xosé Crespo, insistiu en que é necesario que o organismo sexa representado "por unha única cabeza" e anunciou unha oposición "construtiva" ao xeito do que na súa opinión fixeran internamente os últimos anos PSdeG e BNG. Doutro lado, o voceiro do PSdeG, Manuel Lagares, mostrouse favorábel a unha modificación dos estatutos da Fegamp que arranxe o camiño para a presidencia rotatoria. No mesmo sentido, o alcalde de Allariz e voceiro do BNG, Francisco García, insistiu en que a Fegamp pode seguir actuando con "unidade de acción" aínda que se estabelezan quendas na presidencia.