Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PSdeG e BNG si repartirían a presidencia

Crespo confirma que o PPdeG non aceptará presidencias rotatorias na Fegamp

"Recortaría a operatividade da institución", explicou o popular Xosé Crespo, presidente saínte da Federación Galega de Municipios e Provincias.

Redacción - 09:00 23/10/2007

Cambio de presidente cada ano e medio, concretamente cada 16 meses, é o modelo no que cavilan PSdeG e BNG. A idea é que no canto dun só presidente, haxa até tres ao longo dos próximos anos, e que PPdeG, PSdeG e BNG gozen de cadanseu liderado ao fronte deste organismo. A idea foi criticada outra vez este luns por parte do actual presidente da institución, o rexedor popular en Lalín, Xosé Crespo. "Descabezaría a institución", opina Crespo, "non é unha iniciativa boa, porque reduce a operatividade", explica, subliñando que o PPdeG decidiu que non apoiará esa presidencia compartida, aínda que convida a socialistas e nacionalistas a que despreguen ese modelo entre eles mesmos se así o deciden no uso da súa maioría.

A prioridade: "Debullar o pacto local"
Tal é a recomenda que Xosé Crespo lle deixa a quen queira que sexa o seu sucesor ao fronte da Federación Galega de Municipios e Provincias. "Hai que coller o pacto local, debullalo e sacalo para adiante", comenta Crespo, "o roteiro é ese, e queda feito até 2009". "O camiño do Pacto Local empezou ben, o problema é agora, cando hai que soltar competencias e botalo a andar", comenta o presidente saínte da Fegamp, prognosticándolle máis éxito a un presidente de PSdeG ou BNG "que poida negociar coa Xunta A ou coa Xunta B sendo da mesma cor".

"É o Pacto Local de maior alcance conseguido en todo o Estado español", presumiu o presidente da Fegamp. Ao fío deste Pacto Local, o alcalde de Lalín teimou en que o acordo estaba a piques de conseguirse no último treito do derradeiro goberno de Manuel Fraga, onde "unha diferencia de apenas cinco millóns de euros" impediu pechar o trato. Deste xeito, e despois de máis de oito anos de negociacións que non deran froito concreto, o consenso chegaría xa co actual Goberno e co socialista Xosé Luís Méndez Romeu pilotando as negociacións desde a Xunta. Nese sentido, Xosé Crespo fala de dúas etapas, unha inicial onde existiría unha vontade clara do executivo cara ao acordo, e unha posterior, onde o electoralismo tería freado o desenvolvemento dos compromisos asumidos por parte do Goberno. Dos "bicos e abrazos" láiase Xosé Crespo que a situación tería pasado a unha "lúa de fel". O rexedor sinala o momento en que "comeza a ferver o pote das municipais" como punto de inflexión nese proceso.

Os "incumprimentos" que quedan no caixón
"Puidemos achegar sensatez e pragmatismo", quéixase Xosé Crespo ao respecto da falta de diálogo que lle reprocha á Xunta, "que se algo somos os alcaldes é pragmáticos". Falaba concretamente o rexedor das queixas municipais sobre a Lei de Medidas Urxentes en materia de Vivenda e Solo, criticando que o Goberno non tivese en conta as alegacións da Fegamp cunha norma "demasiado intervencionista". Na mesma liña, queixouse da falta de interlocución ao respecto dos propostos "pacto pola vivenda" e "pacto polo solo", de presuntos incumprimentos sobre a xestión directa de servizos por parte dos concellos incorporados ao Consorcio promovido por Vicepresidencia, ou da falta de diálogo sobre as competencias impropias asumidas polos concellos.

A "consolidación" da Fegamp como interlocutor
Aproveitou Xosé Crespo para defender o rol "institucional" que asegura ter asumido na súa traxectoria na Fegamp. "Se algo non fun é un hooligan do partido", insistiu, reprochando as acusacións que nese sentido lle tiñan adicado desde PSdeG e BNG. Ao respecto, recoñeceu que en certos momentos, desde o propio PPdeG, e en concreto algúns compañeiros rexedores do seu mesmo partido, reclamáronlle unha posición máis contundente en defensa das posicións do PPdeG. "Tiven que morderme a lingua moitas veces", asegurou.

Crespo destacou especialmente o que na súa opinión é o crecente recoñecemento da Fegamp como "interlocutor" válido para o debate dos desafíos do ámbito local. Salientou o rexedor dezao o feito de que a galega sexa a única federación deste tipo que foi capaz de sumar todos os municipios, gañando un poder representación do que a nivel estatal carecen outras institucións parecidas.

O logro eólico
Entre as maiores satisfaccións citadas por Crespo aparece a batalla no sector eólico protagonizada pola Federación Galega de Municipios e Provincias. "A Fegamp conseguiu case en solitario unha sentenza do Supremo que obriga ao pagamento aos concellos de até tres veces máis do que se lle estaba pagando polo IBI dos parques eólicos", subliñou. "Este éxito é maior despois de que no Senado se retirase hai unhas semanas, grazas ás xestións levadas a cabo pola Fegamp, unha emenda ao Proxecto de Lei de Calidade do Aire proposta polos socialistas e que pretendía botar por terra a consideración dos parques como Bens Inmobles de Características Especiais", indicou, salientando a satisfacción por ter combatido a capacidade de presión das empresas do sector, "que teñen tentáculos en todas partes".


Socialistas e nacionalistas insisten na oferta da presidencia rotatoria


Por outra parte, a última hora do luns, os voceiros de PSdeG e BNG na Fegamp aseguraban en declaracións a Europa Press que segue vixente a oferta ao PPdeG para repartir en tres quendas a presidencia da institución. Tanto o socialista Manuel Lagares coma o nacionalista Francisco García, indicaron que se os populares rexeitan a oferta, PSdeG e BNG asumirán cadansúa quenda na presidencia e outorgaranlle a vicepresidencia primeira ao PPdeG.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: