A asociación ecoloxista propón elevar a contía das sancións a aquelas persoas acusadas de maltrato animal, e reclama o fin de prácticas deportivas agresivas para a fauna.
Ante o retardo da publicación do borrador da Lei de protección de animais domésticos e silvestres en catividade redactado pola Consellaría do Medio Ambiente, a asociación Amigos da Terra quere lembrar que a nova lei debe ser máis "rigorosa e severa cos infractores". Dende esta sociedade ecoloxista reclaman que se eleven as contías das sancións e que se prohiba a tenencia de animais a calquera das persoas acusadas de maltrato.
Amigos da Terra solicita tamén que a venda de animais estea baixo control, para evitar a tenencia destes seres vivos por parte de maltratadores. Así mesmo, a nova Lei que está a preparar o Departamento dirixido por Manuel Vázquez, tería que pór fin a todas aquelas prácticas, chamadas "deportivas" nas que se prexudica á fauna do noso país, como é o caso do "tiro ao pombiño".
Lei vixente
Actualmente a normativa que regula a protección dos animais queda reflectida na Lei 1/1993, do 13 de abril, que segundo a asociación ecoloxista ten un carácter de "mínima protección", quedando os animais nunha situación de "desamparo legal".
A Consellaría do Medio Ambiente anunciou a publicación do borrador desta lei hai aproximadamente un mes, e actualmente atópase á espera de obter o visto e prace da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.