Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Convocada a Marcha Nacional pola Defensa do Litoral

Inxección de millóns e prebenda de espazos para un modelo acuícola discutíbel

Nin ambiental, nin social, nin economicamente rendería valor un plan que lles garante ás empresas a metade dos investimentos e facilidades para asentárense en contornos de privilexio.

Redacción - 15:00 02/11/2007
Flickr: Freecat (http://www.flickr.com/photos/freecat/)

Flickr: Freecat (http://www.flickr.com/photos/freecat/)

Até 3,3 millóns de metros cadrados sinala o novo Plan Galego de Acuicultura como zonas aptas para o despregue da actividade acuícola, superficie total que cando sexa ocupada duplicará a xa adicada na actualidade a este uso. Despois de meses de tirapuxas, o sector valora con satisfacción un proxecto sobre o que ademais considerarían que elimina as incertezas legais que deixara o goberno Fraga co anterior Plan de Parques de Tecnoloxía Alimentaria.

Pero fronte aos intereses empresariais que defendería este plan, diversos colectivos cidadáns en xeral e ecoloxistas en particular advirten do grave lastre que impón este proxecto sobre o litoral do país.

Elevados beneficios particulares e pobre contribución socioeconómica
De actitude "colonialista" cualifican os colectivos integrados na Rede Litoral Vivo a iniciativa que a Xunta considera "estratéxica". Implicará a curto prazo unha elevada inxección económica a través de subvencións públicas de até 400 millóns de euros, ofrecéndolles como até o de agora mesmo arredor da metade do investimento total para cada unha das plantas. A plataforma recorda que a acuicultura en terra representa apenas o 1,8% da actividade do sector, e que o eido verdadeiramente estratéxico sería a acuicultura a flote e os parques de cultivo marisqueiro, que lle dan traballo a máis de 10 mil persoas, fronte ao medio milleiro que empregan as piscifactorías.

Por outra parte, o Goberno defende que desta volta houbo un esforzo significativo por evitar que os proxectos lle afectasen ás zonas protexidas pola Rede Natura, e desde a Consellaría de Pesca subliñan que só un 1,8% destes espazos serán afectados. Fronte a esa valoración, os veciños e colectivos ecoloxistas son menos optimistas, xa que advirten do impacto negativo que teñen as plantas acuícolas no contorno onde se estabelecen. Especialmente grave é a contaminación causada polas plantas, vertendo sen tratamento millóns de metros cúbicos de augas contaminadas que acaban emporcallando áreas litorais de alto valor ecolóxico.

Igualmente sería reprochábel o desvío de fondos públicos a proxectos que aparecen tan rendíbeis para as empresas malia a súa débil capacidade de xeración de emprego. Critícase por iso que non se faga un esforzo no deseño de actividades produtivas sustentábeis para esas zonas. Desde a asociación Verdegaia quéixanse de que a Xunta ceda ás presións das grandes empresas do sector "con promesas dificilmente críbeis" de postos de traballo: "aprópianse do ben común para un beneficio particular". No mesmo sentido, desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Adega, láianse de que tendo en conta a baixa xeración de traballo "e a pobre contribución económica en comparación coa explotación dos recursos autóctonos" é un erro considerar estratéxicos proxectos que en ningún caso contribuirían ao desenvolvemento sustentábel social e económico de Galiza.

En denuncia desta situación, ducias de colectivos do país apoian a Marcha Nacional contra o Plan Piscícola. Será o domingo 4 de novembro ás 12h, no Porto de Corrubedo.


Ligazóns

5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: