Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O PP fala de "garderías excluíntes e ideoloxizadas"

Quintana defende que se duplicaron en dous anos as prazas de escola infantil

Con todo, as presuntas irregularidades no Consorcio, denunciadas pola CIG e levadas ao Parlamento polo PPdeG, quitáronlle protagonismo ás cifras que evidencian a viraxe da situación respecto ao ermo do goberno anterior.

Redacción - 19:45 31/10/2007

"Volve vostede falar de garderías, pero agora xa non son garderías, son escolas de educación infantil", precisou o Vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, na súa resposta á interpelación parlamentaria a Susana López Abella, voceira do PPdeG en Asuntos Sociais. Detallou Anxo Quintana que "ao contrario que co modelo asistencialista do PP", as galescolas implican unha aposta "real" por un modelo educativo, máis alá dos centros "no gume do legal" que acusou de promover ao anterior executivo.

O Vicepresidente insistiu en que a aposta do Goberno está baseada na "universalización do ensino até os 3 anos", o despregue dun modelo educativo real e a introdución progresiva dun "modelo de coxestión" onde Xunta e concellos colaboren estreitamente. Ao fío, fixouse especialmente no aumento do número de escolas infantís, un 65% máis, e de prazas, un incremento do 43%. O obxectivo sería a creación en 2008 doutras 2.300 prazas, completando a meta de 6.150 máis en 2009 e sumando daquela un total en todo o país de 14.169 prazas, repartidas en 280 escolas infantís.

Doutra beira, Quintana cualificou de "mentiras" as insinuacións da deputada do PPdeG ao respecto das presuntas irregularidades na contratación das galescolas. Subliñou que están baseadas en concursos-oposición, cunha valoración que é suma de exame, méritos e unha entrevista "que só pode sumar até oito dos 38 puntos totais posíbeis". Ao respecto da recente sentenza na que un xulgado sinalara o déficit na publicidade dunha convocatoria de prazas, argumentou que é o único caso "dos até 35 procesos de selección" realizados polo Consorcio, e asegurou que se debe unicamente a que non se publicou no DOGA, malia si facerse nalgúns xornais. No que lle toca ás contratacións na dirección do Consorcio, xustificounas en que se trata de cinco técnicos de confianza "profundamente respectados no sector" e que se o goberno cambia "vostedes mesmos poderán contratar os que queiran".

O PSdeG láiase de que o éxito das galescolas quede escurecido polas leas denunciadas
"Non deixe que ningunha sombra de dúbida caia sobre o sistema, tampouco na contratación", pediu Mar Barcón, voceira do PSdeG este mércores durante o debate parlamentario sobre as escolas infantís, dirixíndose ao vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana. Barcón felicitou o proxecto deseñado pola Vicepresidencia, subliñando a aposta por un modelo público eficaz que na súa opinión está corrixindo exitosamente o deficitario modelo do anterior goberno. "Hai orzamentos e hai planificación", destacou a deputada socialista, chamando o vicepresidente a evitar que presuntas irregularidades nos procesos de contratación do Consorcio, coma os aparecidos esta mesma cuarta feira na prensa do país, escurezan os logros na oferta ás familias.

"Hai un compromiso diferente, fondo e real, co benestar", salientou a coruñesa. Mar Barcón reprochoulle ademais ao PPdeG que esixise agora para concellos concretos as escolas infantís que durante a longa etapa que os populares estiveron no goberno non foron quen de crear. "Non teñen vostedes vergonza? Que fixeron cando tiñan a capacidade de facer?", desafiou aos populares. Por outra parte, insistiu en que o Goberno se esforce por garantir para as galescolas "contratacións firmes e transparentes" e consolide un servizo de escolas infantís onde os profesionais teñan a estabilidade garantida no canto da "temporalidade e precariedade" das contratacións en tempos do PPdeG, acusando o goberno anterior de contratar mesmo a persoas que non tiñan a titulación mínima requirida.

Aos populares non lle valen as galescolas que si demandan os alcaldes do PPdeG
O PPdeG amarrouse ás denuncias sobre presuntas irregularidades nas contratacións para cargar contra a Vicepresidencia da Xunta. A deputada luguesa Susana López Abella, subliñou as informacións publicadas esta cuarta feira arredor das irregularidades no Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar. Repasou a popular que alén do propio presidente, Lois Castrillo, ex alcalde do Vigo polo BNG, aparecen nos "postos de maior relevancia" a ex concelleira do BNG en Ames Pilar Candocia, e Andrés Vázquez Piñeiro, militante do BNG. Ao fío, sinalou que malia "non seren oficialmente nomeados", todos eles formaron parte xa dos tribunais das probas de selección para as galescolas.

Por outra parte, Susana López Abella destacou que un curmán de Anxo Quintana que traballaba como funcionario para a Junta de Estremadura, conseguira recentemente o traslado a Galiza a través dunha comisión de servizos "que lle permitiu incorporarse a Vicepresidencia". Dixo López Abella que se podería tratar dun "novo caso de nepotismo" e afirmou sospeitar por outro lado que as galescolas poidan converterse en centros cheos de "militantes do BNG aos que se lles encarga aleccionar os cativos nos ideais do nacionalismo". "A Vicepresidencia fai algo absolutamente intolerábel coa educación dos nosos fillos", teimou a luguesa, acusando a Xunta de promover "garderías excluíntes e ideoloxizadas".


4/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: