Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Rexuvenecemento vaxinal, o novo sometemento

A reconstrución do hime ou do monte de Venus son as novas modas da cirurxía

Hai unha soa clínica en Galiza que ofrece a reconstrución de vaxina, e a ela acoden mulleres de todo o país atraídas pola posibilidade de encaixar nun mundo de viciada estética.

Redacción - 11:10 01/11/2007
Un muro de vaxinas. Flickr: paper or plastic?

Un muro de vaxinas. Flickr: paper or plastic?

Xa no século XV a Celestina gabábase de ter reconstruído arredor de cinco mil "virgos", devolvéndolles ás mulleres "a súa pureza". Ela cosía as pequenas peles con agullas delgadas e fíos de seda encerados, con algunhas pocións naturais. "O embaixador francés tres veces vendeu por virxe unha criada que tiña", dicía o célebre personaxe de Fernando de Rojas.

Mais parece que as cousas non mudaron moito en seis séculos. Segundo publicaba esta cuarta feira o xornal La Opinión da Coruña, é nesta cidade onde hai a única clínica de cirurxía estética que traballa no chamado "rexuvenecemento vaxinal".

A doutora Jeannete Badran ten o seu despacho na rúa Gómez Zamalloa, na Coruña, e nel ofrece as típicas liposuccións, os rexuvenecementos faciais ou as famosas mamoplastias (aumento ou redución dos seos) e rinoplastias (reconstrución do nariz). Mais entre as súas "habilidades" tamén se atopan aquelas que, segundo a doutora, lle poden devolver a unha súa paciente a "virxindade perdida". No Estado a reconstrución do hime e outras cirurxías vaxinais aínda non están moi estendidas (ao contrario que nos EUA, onde son a última moda), e ademais da clínica da Coruña, hai outras en Madrid, Barcelona e Andalucía.

A cirurxía do hime: a himenoplastia
Segundo a doutora Badran, as mulleres galegas que se someten a esta cirurxía non son só, como se poida chegar a pensar, mulleres xitanas, musulmás ou prostitutas de luxo. O perfil da paciente é o dunha muller madura, de máis de 35 anos, viúva ou separada que comeza unha nova relación sentimental. Moitas delas queren ofrecerlles ao seu novo compañeiro unha "virxindade" como agasallo.

Parece ser que é un "capricho" ben caro (custa entre os 3.000 e os 4.000 euros) e efémero, porque nun chisco todo queda en nada.

Do hime ao monte de Venus
Porque a "reconstrución vaxinal" é a nova marabilla do mundo da estética (e unha segunda virxindade parece ser un agasallo ideal, aínda que esteamos no século XXI), hai outras moitas cousas do estilo que ofrecen as clínicas de cirurxía.

Entre elas está a reconstrución do monte de Venus (que consiste en introducir nel graxa extraída dos glúteos e o abdome, para darlle unha forma máis redondeada); a reconstrución dos labios superiores e inferiores (os maiores hai que aumentalos, dándolles maior relevo e elasticidade; e os pequenos hai que reducilos, se son "longos de máis" ou asimétricos); o implante de pelo púbico; e a perineoplastia, que consiste no desenrugamento do perineo, para darlle, segundo contan as clínicas especializadas, á vaxina unha "aparencia xuvenil".

Todo isto está agochado detrás dun discurso (que levan sobre todo as clínicas e os seus responsábeis) que fala do emprego destas cirurxías para mellorar a vida sexual da muller, para conseguir, como pon na web dunha clínica norteamericana, que estean "estreitas", para asegurar o seu pracer, xa que "ninguén quere envellecer nin perder o funcionamento óptimo en ningunha parte do seu corpo".


3/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Os resultados dunha rinoplastia, unha das operacións estéticas máis estendidas
Os resultados dunha rinoplastia, unha das operacións estéticas máis estendidas
Lady Vagina, nun desfile do Love Parade / Flickr: bmiller1710
Lady Vagina, nun desfile do Love Parade / Flickr: bmiller1710
Máis Lady Vaginas. Desta volta, a imaxe foi tirada por Atrayu, e está no seu Flickr
Máis Lady Vaginas. Desta volta, a imaxe foi tirada por Atrayu, e está no seu Flickr