Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Mala acollida á influencia do chavismo

As prestacións sociais das casas ALBA causan malestar no goberno peruano

O goberno peruano está a investigar os locais da Alternativa Bolivariana para as Américas (ALBA) ante unha presunta inxerencia estranxeira, por recibiren axuda humanitaria de Cuba e Venezuela.

Redacción - 11:00 01/11/2007

O ministro de Defensa peruano, Allan Warner, indicou a necesidade de levar a cabo unha investigación sobre as máis de media ducia de casas ALBA que está operando no país, ante a dúbida de que estean recibindo axudas e influencias por parte do "chavismo" bolivariano. Warner afirma que a Controlaría Xeral da República vese obrigada a revisar o funcionamento destes centros, xa que "non son só círculos de amizade, son decenas de institucións que se foron creando baixo diversas denominacións en todo o país". Segundo o ministro, esta pescuda debería iniciarse pola procedencia dos cartos e o feito de que foran ou non rexistrados ante as entidades peruanas.

As casas ALBA teñen como obxectivo a cooperación e integración dos países que forman a Alternativa Bolivariana para os pobos de América, impulsada por Venezuela, Cuba, Bolivia e Nicaragua. Segundo esta proposta, o que se pretende é que as zonas integrantes conten cunha instancia que lles permita deseñar e elaborar proxectos de impacto social, co obxectivo de solucionar problemas comúns aos habitantes desas nacións.

En moitos casos recollen pacientes de poboacións peruanas pobres, para que sexan operados no estranxeiro de afeccións visuais, e enmárcanse no marco da axuda cubano-venezolana "Operación Milagro". Os especialistas afirman que baixo estas axudas, se agocha unha intención de interferir na política interna do país introducindo ideas chavistas, para así desestabilizar o goberno. Pola súa banda, a embaixada de Venezuela en Lima nega ter realizado calquera tipo de financiamento a estas entidades.

Tratados comerciais
Na actualidade, o Perú está negociando a ratificación dun Tratado de Libre Comercio (TLC) cos Estados Unidos de América, co que se axudaría á creación da Área de Libre Comercio para as Américas (ALCA), promovido polo goberno estadounidense. As casas ALBA, pola súa banda, pretenden evitar este tipo de tratados comerciais, fomentando a Alternativa Bolivariana.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: