A acusación pública acúsaos de inxurias e maltrato a militares que participaban nunha campaña de reclutamento.
O vindeiro mércores comezará o xuízo en Pontevedra contra tres mozos acusados de inxurias e maltrato a membros do Exército. A acusación pública reclama que Antía Marinho, Anjo Torres e Alexandre Ríos sexan condeados cada un a doce meses de cadea. Ademais solicita que se lle impoña unha sanción económica de 6.000 euros.
Os feitos tiveron lugar en xuño do ano pasado, cando un grupo de mozos se manifestaba diante dun posto informativo da Brilat na cidade de Pontevedra. Os manifestantes querían amosar así o seu rexeitamento ás campañas de reclutamentos. Segundo un comunicado de Briga, organización na que militan os detidos, os incidentes principiaron logo de que efectivos militares racharan unha pancarta que portaban os mozos. O colectivo independentista xa anunciou unha concentración de solidariedade cos encausados diante dos xulgados.