Mesmo sen coñecer os números finais, e con só o 25% dos votos analizados, Cristina Fernández de Kirchner saíu a agradecer os votos. É á primeira muller en ser escollida por vontade da cidadanía. Cóntanolo dende Bos Aires Débora Campos.
A candidata presidencial do Frente para la Victoria e muller do presidente da Arxentina, Cristina Fernández de Kirchner, impúxose este domingo na primeira volta duplicando os votos de Elisa Carrió e de Roberto Lavagna que dende o segundo e terceiro lugar viron frustrada a súa aposta á segunda volta. "A Arxentina votou e deunos a todos os homes e a todas as mulleres un lugar. Convoco a todos sen odios, porque o odio non constrúe, o odio destrúe", dixo a candidata oficialista sobre as 22.00 da noite e con só o 25% dos votos analizados.
Cristina Fernández e o seu compañeiro de fórmula, o radical e gobernador da provincia de Mendoza, Julio Cobos, obtiveron máis do 43% dos votos, cando se analizaran case o 40% das mesas de votación. Lonxe do binomio oficialista disputábanse o segundo e terceiro posto Carrió, da Coalición Cívica, e Lavagna, dunha Nación Avanzada (UNA), e, que roldaban entre un 20 e un 19%, respectivamente.
"Con amplitude"
Ao anunciar o seu triunfo no hotel Intercontinental, a presidenta electa dixo: "gañamos con amplitude, pero isto non nos dá un lugar de privilexio, senón un lugar de maiores responsabilidades". Tamén convocou a "todos os arxentinos e arxentinas a reconstruír o tecido social e institucional" e resaltou o rol da concertación plural "que nos permitiu construír este espazo superando vellas antinomías".
A multitude concentrada no hotel festexou o seu triunfo. A senadora supera deste xeito a porcentaxe que obtivera o seu esposo, o presidente Néstor Kirchner, nos comicios presidenciais de 2003, cando logrou o 22%.
A Frente para la Victoria obtivo tamén un contundente triunfo na provincia de Bos Aires, onde se consagrou gobernador electo Daniel Scioli, acompañado por Alberto Balestrini, con máis do 50% dos sufraxios. Porén, Cristina Fernández perdeu na cidade de Bos Aires e capital do país, onde gañou Carrió.
O primeiro discurso
No seu primeiro discurso tras as eleccións, Cristina Fernández lanzou este domingo unha ampla convocatoria a todos os sectores da sociedade e dixo que nos comicios "Arxentina votou e deunos a todos os homes e a todas as mulleres un lugar".
Fernández tivo tamén palabras de recoñecemento cara á xestión de Kirchner e recordou que hai catro anos debeu asumir o goberno en circunstancias "moi distintas e moi difíciles. Cos seus acertos e os seus erros demostrou que é un home comprometido co seu país", apuntou.
"Gañamos amplamente, talvez coa maior diferenza entre a primeira e segunda forza dende a chegada da democracia", sostivo. "Pero isto, lonxe de colocarnos nunha situación de privilexio, colócanos nunha situación de maior obrigación", afirmou ao falar desde o palco montado no segundo entrechán do Hotel Intercontinental. "É necesario reconstituír o tecido social dos arxentinos", indicou, á vez que sinalou que aspira "a que os arxentinos, con distintas ideas, poidan achegar ao conxunto". Cristina tivo palabras de agradecemento cara a Cobos, e destacou a decisión de impulsar unha concertación social para competir nestes comicios. "Se alguén puidese relatar no 2003 a Arxentina que temos hoxe, o tratarían de demagogo", indicou Cristina Fernández, á vez que destacou o traballo e esforzo de "todos os arxentinos".
Finalmente a candidata electa dixo ter "a honra máis grande que se lle pode outorgar a un arxentino", pero explicou que se sentía cunha dobre responsabilidade, "non só polo espazo político que represento, senón tamén porque teño unha inmensa responsabilidade polo xénero". Nese sentido engadiu: "Quero convocar ás mulleres; ás obreiras, ás estudantes, ás empresarias e ás que quedaron soas á fronte do fogar", dixo Cristina, ante o aplauso das militantes e dirixentes presentes no Intercontinental.
Irregularidades
Varios partidos e dirixentes da oposición non dubidaron en denunciar irregularidades e ata "fraude" electoral. O Goberno contestou a estas acusacións cualificando o proceso de "exemplar". En concreto, as denuncias presentadas ante a xustiza electoral céntranse na falta de papeletas dalgúns partidos nos centros de votación.
Os denunciantes abarcan practicamente todo o espectro electoral arxentino, excepto o partido da futura presidenta: Coalición Cívica, Una Nación Avanzada e el Frente Justicia, Unión y Libertad, que levan como candidatos á presidencia a Elisa Carrió, Roberto Lavagna e Alberto Rodríguez Saá.De feito, a escaseza de papeletas xunto á alta afluencia de votantes a última hora motivou a decisión da Xunta Electoral de prorrogar unha hora a votación en Bos Aires, onde os colexios pecharon as súas portas ás 22.00 (hora peninsular española). O resto de colexios do país pecharan unha hora antes.
Ao redor de 27 millóns de cidadáns estaban chamados ás urnas, aínda que a convicción de que Cristina Kirchner tiña asegurada a vitoria, como finalmente así foi, sementou de apatía a campaña electoral. Os colexios abriron ás oito da mañá (mediodía en España) e a xornada transcorreu con normalidade, á marxe das xa citadas denuncias da oposición.
A número 11
Deste xeito, o 2007 quedará rexistrado na historia da Arxentina como o ano no que por primeira vez unha muller foi electa Presidenta, Cristina Fernández de Kirchner. Cando asuma o 10 de decembro próximo, Fernández converterase na Presidenta número 53 da Arxentina e a novena xefa de Estado en América, desde de que en 1974 María Estela Martínez de Perón asumiu a xefatura do Estado á morte do Presidente Juan Domingo Perón.
As mulleres que ocuparon a presidencia noutras nacións americanas foron Lida Gueiler, en Bolivia, en 1979; Violeta Chamorro, en Nicaragua; Ertha Pascal Troullot, en Haití, e a panameña Mireya Mosoco asumiron en 1990; despois chegou Janet Rosemberg, en Güiana; Rosalía Arteaga, en Ecuador e en 2006, Michelle Bachelet, en Chile.
A finais de 2006, só 11 mulleres estaban ao mando do Estado entre os 192 países membros das Nacións Unidas (ONU). Elas son a alemá Angela Merkel; a finlandesa Tarja Halonen; a irlandesa Mari McAleese; a letoa Vaira Vike Freiberga; Bachelet, en Chile; a liberiana, Ellen Johnson Sirlea; a mozambicana, Luísa Diogo; a primeira ministra de Santa Tomei, María Do Carmo Silvana; a neocelandesa, Helen Clark; a filipina, Gloria Macapagal Arroio; e a coreana do sur, Han Myung-Sook.