Esmagadora vitoria da senadora, con máis de vinte puntos por riba da segunda candidata en apoios, a liberal Elisa Carrió.
Con máis do 65% dos sufraxios escrutados, a senadora Cristina Fernández de Kirchner situábase como a candidata máis votada, co 43,6% do total. Atrás dela, Elisa Carrió conseguía o 22,6%. En terceiro lugar, o ex ministro Roberto Lavagna chegaba ao 17,9%. O sistema electoral arxentino concédelle a vitoria ao candidato máis votado na primeira volta e sen necesidade dunha segunda quenda no caso de que acade o 45% dos votos ou ben pase do 40% e acumule unha vantaxe dun mínimo de dez puntos sobre o segundo.
O equipo de Kirchner, candidata pola Frente para la Victoria, comezou a festa nada máis pechárense as urnas e publicárense as primeiras sondaxes. A segunda na votación, Elisa Carrió, candidata dunha coalición de liberais e socialistas que segundo os analistas foi quen de seducir a unha ampla marxe do electorado conservador, conseguiría ser a máis votada na capital. Malia iso, o conxunto da provincia de Bos Aires, onde están censados catro de cada dez electores do país, deulle apoio masivo a Cristina Kírchner.