Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
Eleccións presidenciais

Arxentina escollerá unha muller presidenta

Se as enquisas non menten, este domingo dúas mulleres loitarán por ser a primeira presidenta nomeada polo voto popular no país austral. Nos anos 70, a viúva de Perón ocupou o mando da casa rosada, logo da morte do líder peronista. Cóntanolo dende Bos Aires Débora Campos.

Débora Campos - 19:00 27/10/2007

"Convoco a todos os arxentinos e arxentinas, sen agravios sen rancores e sen descualificacións", chamou este xoves a senadora e candidata á presidencia da Arxentina polo Frente para la Victoria, Cristina Fernández. Foi no acto co que pechou a súa campaña, 48 horas antes da elección deste domingo, xusto antes do silencio de dous días imposto por lei para a reflexión dos cidadáns.

Segundo as enquisas, a muller do presidente Néstor Kirchner ten moitas probabilidades de rematar o domingo coma presidenta electa. Se iso non pasa, será pola presenza doutra muller: a avogada Elisa Carrió, tamén candidata e que, segundo os cálculos, ocupa o segundo lugar con algunhas posibilidades de chegar a unha segunda volta.

En sintonía con eleccións presidenciais anteriores na rexión, as mulleres son protagonistas indiscutidas nesta votación. A deste domingo será a sexta presidencial consecutiva desde 1983, o período democrático máis longo que recoñece a Arxentina nos seus case 200 anos de historia.

A votación

O comicio xeral será o cuarto que se defina de acordo co sistema aprobado pola Constitución reformada en 1994, que prevé unha segunda volta electoral no caso de que ningún dos candidatos supere o 40 por cento dos votos con 10 por cento de diferenza sobre o segundo.

Tampouco haberá ballottage no caso de que unha fórmula presidencial obteña o 45 por cento dos votos, sen importar canto logre o inmediato perseguidor.

É a primeira vez que tres mulleres disputan o cargo político máis significativo do país, dúas das cales, Cristina Fernández de Kirchner -a terceira é Vilma Ripoll-, polo Frente para la Victoria (FPV), e Elisa Carrió, pola Coalición Cívica (CC), teñen trazas de ser consagradas presidentas, segundo as principais enquisas do país.

Ademais do Presidente e do Vicepresidente da Nación, os 27.009.192 arxentinos habilitados para votar deberán elixir senadores nacionais en oito provincias e 130 deputados nacionais en todo o país.

Poder en feminino

Cristina Fernández convocou a todos os arxentinos á construción dun espazo amplo "sen agravios e descualificacións" para afrontar os "profundos" cambios que restan impulsar no país. Fíxoo este xoves, ao pechar a campaña con vistas ás eleccións do domingo nun acto que encabezou no Mercado Central.

A senadora instou ademais a afondar os cambios impulsados polo presidente Kirchner e asegurou que "necesitamos máis educación e máis saúde. Por eses soños imos o 28". Desde o mesmo escenario que elixiu Kirchner para pechar a súa campaña en 2003, Cristina recordou que nesa oportunidade xunto ao presidente tiñan o soño "de derrubar os muros da impunidade" e a "recuperación da dignidade do traballo como gran organizador da familia".

"Viñamos tamén co soño de recuperar para todo o pobo a dignidade dos representantes no Parlamento e no Executivo. Para que todos soubesen que as decisións se toman na Casa Rosada e no Parlamento e non nas oficinas do Fondo Monetario Internacional", salientou.

Pola súa banda, a candidata da Coalición Cívica, Elisa Carrió, realizou unha forte apelación aos indecisos e a sectores máis pobres para que a acompañen co seu voto para chegar á segunda volta e reivindicou os valores do radicalismo, o socialismo e a acción social de Eva Duarte.

"Quero pedirlles o voto a quen non se decidiron, a quen teñen medo, para sermos forza de rescate dos nosos irmáns que están na pobreza. Somos a segunda forza do país e o domingo podemos ser a primeira e gobernar", afirmou tamén o xoves á noite Carrió na súa última convocatoria masiva antes do inicio da veda electoral.

A mensaxe final da candidata da Coalición no complexo Costa Salguero atravesou durante todo o acto a idea de chegar a unha segunda volta electoral co oficialismo nas eleccións do domingo, que foi reforzado polo discurso previo do seu compañeiro de fórmula, Rubén Giustiniani, polos anuncios que se reproduciron e polas cancións da militancia.

A heteroxénea composición da Coalición (hai dende forzas da dereita máis católica e tradicional até o socialismo e boa parte da oposición non peronista) levou a Carrió ademais a rescatar "o camiño percorrido polo socialismo, o significado da ética e a república como o foi para Leandro Alem" e unha extensa reivindicación á figura de Eva Perón, a quen
desapegou de prácticas clientelares. "Queremos sacar aos nosos irmáns pobres da pobreza. Moitos deles aman a Evita, quen coñecen o significado dunha máquina de coser, dun pan doce, dunha bicicleta... eran símbolos dunha política que sacaba aos pobres da indixencia, non era clientelismo", remarcou.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Cristina Fernández cos seus compañeiros e o anterior presidente, Néstor Kirchner
Cristina Fernández cos seus compañeiros e o anterior presidente, Néstor Kirchner
Cristina Fernández en campaña, nunha foto da axencia Telam
Cristina Fernández en campaña, nunha foto da axencia Telam
Elisa Carrió en campaña
Elisa Carrió en campaña
Elisa Carrió pasa por diante dos carteis electorais do Frente para la Victoria
Elisa Carrió pasa por diante dos carteis electorais do Frente para la Victoria