O Premio Xerais de Novela, o Premio Merliño de Literatura Infantil, o Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil e o finalista chegan aos andeis en edicións acartonadas.
Cardume
A decisión dos respectivos xurados fixérase pública na Illa de San Simón, o pasado 9 de xuño. Nesa mesma illa transcorre o final de Cardume, a novela gañadora do Premio Xerais 2007. A súa autora, Rexina Vega, realizou con esta obra a súa primeira incursión na narrativa de ficción, mais demostrando a súa longa traxectoria filolóxica e a súa querencia por Cunqueiro cunha linguaxe de enorme riqueza estilística e unha moi especial habelencia para tecer o fío narrativo desta autobiografía de ficción, que retrata o Vigo dos últimos días da República, ao estourar a guerra civil.
Tamén temos xa nas librarías os simpáticos contos de Carlos López Gómez, 50% de Pinto & Chinto e autor de Minimaladas, gañadora por unanimidade do Premio Merlín de Literatura Infantil. Bechos pao que van descansar a unha poliña e vén como un becho folla se lles pousa enriba, vermiños que están tan cansos de tecer seda todo o día que deciden tecerse un pixamiña e botar a durmir, ou baleas ás que lles gusta cantar na ducha son protagonistas destes relatos mínimos.
Tamén serán presentadas, este martes 30 de outubro ás 19.30, na Biblioteca Fundación Caixa Galicia (no Centro Sociocultural Municipal de Compostela, en Frei Rosendo Salvado), a gañadora e a finalista dos Premios Caixa Galicia de Literatura Xuvenil: Illa soidade, de An Alfaya, mereceu o premio pola acertada reflexión que propón sobre a autonomía persoal e o respecto á diferenza. O xurado recomendou tamén a publicación d'O ceo dos afogados, de Francisco Castro, que pon en alerta ao lectorado sobre a situación do planeta. Podemos consultar máis sobre elas na web das novidades de Xerais.