 |

|
 |
 |

 |
 |
Novidades Xerais
Primeiro trimestre 2008 |
- Roseira do teu mencer, Xosé María Álvarez Blázquez
- Boas Noites, Paula Carballeira
- Sendeiro Rural de Galicia, Paco Armada e Luís Méndez
- Acendede as Almenaras, Bernardino Graña
- Hordas de escritura, Chus Pato
- O carnaval en Galicia, Federico Cocho
- Poesía galega completa, Xosé María Álvarez Blázquez
- Vestio, Xosé Miranda
- A neve do tempo, Alberto Pascual Carballo, José Antonio Ocaña Martínez
- Memoria contra Alzheimer, Rafael Laso Lorenzo
 |
O ANO DE ÁLVAREZ BLÁZQUEZ
Roseira do teu mencer, Xosé María Álvarez Blázquez
Este libro recolle o texto de Roseira do teu mencer, o poemario que Xosé María Álvarez Blázquez dedicou en 1950 a súa primeira filla, Colorín, con motivo do seu primeiro aniversario. Cantiga de berce, canción de roda, xogo paralelístico, autenticidade popular latexan en cada sílaba destes poemas escritos por un pai deslumbrado e namorado pola graza da filla e sobrecollido polo feito sorprendente de que el mesmo é –en parte– o autor deste milagre, o creador da vida…
Versos pequenos que son para cantar e bailar: a nena chora perseguida polas galiñas; cantaban para a nena a cotovía, o merlo e o reiseñor; o pai escorrenta a chuvia, a néboa, o vento e o arco da vella… Ao texto do poemario, fermosamente ilustrado por Manuel Uhía, engádiuselle un epílogo biográfico e fotográfico sobre o autor, preparado por Darío Xohán Cabana, ademais dunha completa cronoloxía sobre don Xosé María. Un libro indispensable para que os escolares coñezan e lean ao autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2008.
Xosé María Álvarez Blázquez (Tui, 1915 – Vigo, 1985) é o editor, escritor e animador cultural homenaxeado no Día das Letras Galegas 2008. A súa obra abrangue a poesía, a novela e o teatro; investigou a literatura galega, o folclore, a arqueoloxía e a historia. Fillo de Darío Álvarez Limeses, militou na Federación de Mocidades Galeguistas e no Partido Galeguista. Membro da Real Academia Galega e Cronista Oficial da cidade de Vigo, cofundou a editorial Monterrey en 1950, que refundou en 1964 como Edicións Castrelos. Os seus poemarios máis destacados son Poemas de ti e de min (1949), escrito co seu irmán Emilio; Roseira do teu mencer (1950, Xerais 1992, 2008), Romance do pescador peleriño (1954); Cancioneiro de Monfero (s. XIII) (1953), e Canle segredo (1954), un libro máis intimista. Xerais xa publicara a súa poesía galega completa en 1987, reeditándoa e ampliándoa, en edición de Xabier R. Baixeras, en 2008, con motivo da homenaxe nacional do 17 de maio. Como ensaísta é autor de diversos estudos de literatura como Escolma de poesía medieval (1975) e Escolma de poesía galega II: A poesía dos séculos XIV a XIX (1959) ou Martín Códax. Cantor do mar de Vigo (Xerais 1998). No ámbito da narrativa cabe citar Os ruíns (1936) e A pega rabilonga e outras historias de tesouros (1971); e como autor teatral publicou O zapato do cristal, que foi escenificado en Vigo o 2 de xaneiro de 1947, ou Os pazos altivos, unha comedia en tres actos en verso. Xerais publicará na primavera de 2008 A cidade e os días. Calendario histórico de Vigo (1959), a súa monumental obra sobre a historia viguesa.
|
 |
| Roseira do teu mencer |
Xosé María Álvarez Blázquez
Epílogo biográfico: Darío Xohán Cabana
Ilustracións de Manuel Uhía |
| Xerais Merlín, 9 anos en diante |
| 104 páxinas |
| P.V.P: 7,50 € |
|
 |
PREMIO MANUEL MARÍA DE LITERATURA DRAMÁTICA INFANTIL
Boas Noites, Paula Carballeira
Xiana, a protagonista de Boas noites, non ten tempo nin para pensar, moito menos para xogar ou para soñar. E se non dá pechado os ollos pola noite, Pedro Chosco non pode facer o seu traballo, que é acabar cos medos...
Os áxiles diálogos desta peza, a orixinalidade na elección do tema, o estrés infantil, un argumento contemporáneo abordado seguindo a tradición fantástica, valéronlle a Paula Carballeira o primeiro premio Manuel María convocado polo IGAEM de Literatura Dramática Infantil do ano 2006.
Guía Interactiva: Esta guía interactiva é un DVD co que se pode escoitar a música do espectáculo "Boas noites" e no que ademais se pode acceder a unha serie de actividades orientadas a educadores, nais, pais e rapaces coas que se pode coñecer mellor os medos máis comúns da cultural tradicional galega.
Paula Carballeira (Fene, 1972) é licenciada en Filoloxía Hispánica; dedícase profesionalmente ao teatro e á narración oral. Participa en diversos programas da TVG e ten colaborado como locutora na Radio Galega. Como autora de literatura infantil publicou as seguintes obras: A percura (1990); Robín e a boa xente (1995); Troulas, andainas, solpores e unha farsa anónima (1996); Olo-iepu-iepu (1999); Mateo (1999); Un porco e unha vaca xa fan zoolóxico (Xerais 1999); Paco (2001); Correo urxente (2001); O ganso pardo (2002), A era de Lázaro (2004), Smara (2006) e Boas noites (Xerais 2007), Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2007. Ten publicado, ademais, o poemario Contatrás (2006).
|
 |
| Boas noites + DVD Guía Interactiva |
Paula Carballeira
Ilustracións de Noemí López |
| Biblioteca Dramática Galega |
| 80 páxinas / Cartoné |
| P.V.P: 20,00 € |
|
 |
DE VIGO A SANTIAGO, CAMIÑANDO OU EN BICI
Sendeiro Rural de Galicia, Paco Armada e Luís Méndez
O Sendeiro Rural de Galicia é unha proposta atractiva e diferente para coñecer o medio rural galego, camiñando ou en bicicleta, desde arredores de Vigo ata Santiago de Compostela. Esta guía do Sendeiro Rural de Galicia (GR-94) dá a coñecer un dos percorridos homologados pola Federación Galega de Montañismo, pensado para gozar da natureza e do patrimonio histórico e natural.
Trátase dun sendeiro de longo percorrido que os seus autores, Paco Armada e Luís Méndez, experimentados montañeiros, dividen en sete sectores fáciles de realizar, para adaptalos a todo tipo de camiñantes, expertos e novatos. O libro inclúe unha descrición detallada do percorrido e o seu entorno: mapas, fotografías, información detallada sobre os lugares de paso (Castelo de Soutomaior, pontes medievais de Comboa e San Xusto, petroglifos de Campo Lameiro, aldeas como Vilarchán, Moimenta, Cequeril e Luou, con mostras do románico, etc). Como di X.L. Laredo Verdejo, que o andar non sexa só desprazarse, senón unha parte da nosa vida. Porque o camiño, xunto co río, son grandes símbolos do fluír da vida.
Paco Armada é montañeiro e camiñante. É autor de diversos libros de rotas de senderismo: Rotas para camiñantes 1. Pontevedra (Xerais 1996), Rotas para camiñantes 2. A Coruña (Xerais 1998) e Sendeiro rural de Galicia (GR 94) (Xerais 2008).
|
 |
| Sendeiro Rural de Galicia |
Paco Armada
Luís Méndez |
| Roteiros Xerais |
| 144 páxinas |
| P.V.P: 17,00 € |
|
 |
CANTIGAS DE AMOR, DE AMIGO E DE ESCARNIO
Acendede as Almenaras, Bernardino Graña
Bernardino Graña organizou Acendede as almenaras, o seu novo poemario seguindo a nosa tradición literaria medieval: en poemas amor, amigo e escarnio, para dar conta da importancia das relacións vitais e persoais, da forza do cariño, da tenrura e do apego que son, en definitiva, os fíos invisibles que nos propulsan ao longo da vida. Un libro esencial dun dos mestres da poesía galega dos últimos cincuenta anos.
Acendede as almenaras é un poemario co que Bernardino Graña grava un testemuño de emoción e vibración ante a vida e as persoas, un testemuño a través do que lanza ao aire unha onda a favor das ataduras do amor e da amizade. Libro recompilatorio pero inédito, que reúne composicións escritas desde os anos 80 até hoxe, Acendede as almenaras organiza os textos en poemas amor, amigo e escarnio, seguindo a nosa tradición literaria medieval, para dar conta da importancia das relacións vitais e persoais, da forza do cariño, da tenrura e do apego que son, en definitiva, os fíos invisibles que nos propulsan ao longo da vida.
Bernardino Graña Villar (Cangas do Morrazo, 1932). Foi catedrático de lingua e literatura até a súa xubilación. En 1958 participou na creación do grupo Brais Pinto en Madrid e foi o primeiro presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Publicou unha estensa obra no ámbito da poesía, do teatro, da narrativa e da literatura infantil. Como poeta ten publicado: Poema do home que quixo vivir (1958); Profecía do mar (1966, Xerais 1995); Non vexo Vigo nin Cangas (1975); Se o noso amor e os peixes (Xerais 1980), Premio Galicia do concello de Santiago de Compostela; Sima-Cima do voar tolo (1984); Himno verde (1992); Ardentía. Obra poética completa (1995); As Cantigas de Santa María (Xerais 1996); Luz de novembro (1997) e Acendede as almenaras (Xerais 2008). No ámbito do teatro: Vinte mil pesos crime (1962, Xerais 2005); Sinfarín contra don Perfeuto (1975); Os burros que comen ouro nunca cabalos serán (1992), Premio Abrente de Ribadavia (1979). Como narrador escribiu Fins do mundo (1974, Xerais 1989) Relatos e Protoevanxeo do neto de Herodes (Xerais 2006), IIº Premio Eixo Atlántico La Voz de Galicia-Público de narrativa galego portuguesa. E para o público infantil destacan: O león e o paxaro rebelde (1969, Xerais), Premio de contos para rapaces O Facho; Planeta dos ratos tolos (1990); Xan Guindán, capitán (Xerais 1991); Oso mimoso (Xerais 1992); Namoro de lobo Pipo na escola de don Perico (1992); Os burros que comen ouro (1992); O gaiteiro e o rato Pérez (Xerais 1994), Premio Merlín 1993; Xan Guindán, mensaxeiro (1994); Cristo e San Pedro, peregrinos (Xerais 1994); Rata linda de Compostela (Xerais 1994); O lobo e o grilo (1995); Contra o león covarde (1995); Xan Guindán e os Salvaxes (1995); Xan Guindán mensaxeiro (1997) e O quirico lambón (Xerais 1997).
|
 |
| Acendede as almenaras |
| Bernardino Graña |
| Xerais Poesía |
| 72 páxinas |
| P.V.P: 12,50 € |
|
 |
O NOVO DE CHUS PATO
Hordas de escritura, Chus Pato
Houbo unha morte e a morte entrou no amor; finalmente produciuse unha mudanza na escritura. Un libro importante de Chus Pato, unha das máis abisais, mutantes, imprescindibles e rupturistas escritas do panorama poético contemporáneo.
Houbo unha morte e a morte entrou no amor; finalmente produciuse unha mudanza na escritura. Este libro é tamén a terceira entrega dunha pentaloxía que Chus Pato vén construíndo baixo o título xenérico de Método. Pero, cando o poema se compón, só lle é fiel a súa propia cicatriz; esa é a lei e a gravidade do texto. Un libro importante dunha das máis abisais, mutantes, imprescindibles e rupturistas escritas do panorama poético contemporáneo.
Chus Pato (Ourense, 1955) publicou Urania (Calpurnia, 1991); Heloísa (Espiral Maior, 1994); Fascinio (Toxosoutos, 1995); Nínive (Xerais, 1996), galardoada co premio Losada Diéguez; A ponte das poldras (Noitarenga, 1996); m-Talá (Xerais, 2000), Un Ganges de palabras (antoloxía bilingüe galego-castelán, edición de Iris Cochón, Deputación de Málaga, 2003), Charenton (Xerais 2004) e Hordas de escritura (Xerais 2008). Os seus poemarios foron traducidos total ou parcialmente a diversos idiomas e os seus poemas figuran en importantes antoloxías de ámbito nacional e internacional. É membro da asociación de intervención política e cultural Redes Escarlata.
|
 |
| Hordas de escritura |
| Chus Pato |
| Xerais Poesía |
| 96 páxinas |
| P.V.P: 12,50 € |
|
 |
CHEGA O ENTROIDO
O carnaval en Galicia, Federico Cocho
O carnaval en Galicia é unha rigorosa e amena monografía de Federico Cocho, con fotografías de Manuel G. Vicente, sobre o entroido. O carnaval, tempo que precede á Coresma no calendario tradicional, é a festa da transgresión e da burla, que é tamén purificación, parodia, rexoube na representación do mundo. As súas raíces afondan na memoria máis antiga da nosa cultura e, a pesar das prohibicións cíclicas ao longo da historia, rexorde cun pulo sorprendente.
Este rigoroso traballo de campo leva ao lector a través das máis diversas e carnavalescas paisaxes da nosa xeografía: as máscaras da cultura rural, os Momos e Mecos, Os Felos de Maceda, os míticos Cigarróns, os Troiteiros de Bande, os rechamantes Xenerais do Ulla, os Merdeiros de Vigo, Peliqueiros, Pantallas, Tamborradas de Viana do Bolo, Foleiros de Sande, Marfois, Choqueiros, Zarrampallos, Madamas e Galáns de Cobres... E tamén a rica tradición do carnaval nas vilas e cidades: o Urco e o Ravachol de Pontevedra, os apropósitos coruñeses... Un libro que afonda na profunda significación da festa.
Federico Cocho de Juan naceu en Xinzo de Limia (Ourense) en vésperas do Entroido de 1958. Licenciado en Periodismo pola Universidade Complutense de Madrid, exerceu a súa profesión nesta cídade e tamén en Sevilla, Santiago e A Coruña. Traballou, entre outros medios, na Axencia Efe, El Correo Gallego, Radio Galícia e La Voz de Galicia. Actualmente traballa na Universidade da Coruña. É premio de periodismo "Julio Camba" de 1974 e coautor do libro colectivo Galicia, raíz y horizonte (1987). Ten publicado o libro O carnaval en Galicia (Xerais 1990, 2008).
|
 |
| O carnaval en Galicia |
Federico Cocho
Fotografías Manuel G. Vicente |
| Xerais Monografías |
| 280 páxinas / catro cores |
| P.V.P: 15,25 € |
|
 |
DÍA DAS LETRAS
Poesía galega completa, Xosé María Álvarez Blázquez
Poesía galega completa recolle toda a obra poética en galego de Xosé Mª Álvarez Blázquez, tanto os seus cinco poemarios, Poemas de ti e de min (1949), escrito co seu irmán Emilio; Roseira do teu mencer (1950, Xerais 1992, 2008), Romance do pescador peleriño (1954); Cancioneiro de Monfero (s. XIII) (1953), e Canle segredo (1954), como poemas inéditos da edición anterior de Xerais de 1987 e outros moitos que até o de agora nunca saíron á luz, nunha coidadosa edición preparada por Xavier Rodríguez Baixeras.
Membro da xeración de 1936, truncada pola guerra civil, a fonte máis auténtica e profunda da lírica de Álvarez Blázquez é a poesía popular. Aínda que, como di Baixeras no estudo introdutorio, «o primeiro que cabe destacar da súa poesía é a diversidade, pois toda ela obedece a dúas actitudes moi diferentes; por unha banda, a adhesión a unha liña neopopular e de tradición imaxinista, e, por outra, á dunha expresión intimista e, finalmente, social». Trátase dunha voz que non se limita a acomodarse nun mesmo tipo de poema, senón que procura sempre unha maneira nova.
Xosé María Álvarez Blázquez (Tui, 1915 – Vigo, 1985) é o editor, escritor e animador cultural homenaxeado no Día das Letras Galegas 2008. A súa obra abrangue a poesía, a novela e o teatro; investigou a literatura galega, o folclore, a arqueoloxía e a historia. Fillo de Darío Álvarez Limeses, militou na Federación de Mocidades Galeguistas e no Partido Galeguista. Membro da Real Academia Galega e Cronista Oficial da cidade de Vigo, cofundou a editorial Monterrey en 1950, que refundou en 1964 como Edicións Castrelos. Os seus poemarios máis destacados son Poemas de ti e de min (1949), escrito co seu irmán Emilio; Roseira do teu mencer (1950, Xerais 1992, 2008), Romance do pescador peleriño (1954); Cancioneiro de Monfero (s. XIII) (1953), e Canle segredo (1954), un libro máis intimista. Xerais xa publicara a súa poesía galega completa en 1987, reeditándoa e ampliándoa, en edición de Xabier R. Baixeras, en 2008, con motivo da homenaxe nacional do 17 de maio. Como ensaísta é autor de diversos estudos de literatura como Escolma de poesía medieval (1975) e Escolma de poesía galega II: A poesía dos séculos XIV a XIX (1959) ou Martín Códax. Cantor do mar de Vigo (Xerais 1998). No ámbito da narrativa cabe citar Os ruíns (1936) e A pega rabilonga e outras historias de tesouros (1971); e como autor teatral publicou O zapato do cristal, que foi escenificado en Vigo o 2 de xaneiro de 1947, ou Os pazos altivos, unha comedia en tres actos en verso. Xerais publicará na primavera de 2008 A cidade e os días. Calendario histórico de Vigo (1959), a súa monumental obra sobre a historia viguesa.
|
 |
| Poesía galega completa |
Xosé María Álvarez Blázquez
Limiar e edición de Xavier Rodríguez Baixeras |
| Xerais Clásicos |
| 392 páxinas |
| P.V.P: 16,50 € |
|
 |
UNHA NARRACIÓN CLAUSTROFÓBICA
Vestio, Xosé Miranda
A doutora Eva García, destinada no remoto lugar de Viana das Veigas, atópase cun cadáver sen rostro e coas mans esmagadas. Xunto ao cadáver aparecen unha carta e un diario. Lendo o diario a doutora vai descubrir as claves de estraños comportamentos e estraños acontecementos que non só se refiren as habitantes da vila, senón a ela mesma, ao seu marido e á súa filla desaparecida hai anos.
Eva descubre con abraio que o cadáver resulta ser un antropólogo inglés chegado co pretexto de estudar unha antiga seita priscilianista. Vestio condúcenos de sorpresa en abraio polos labirintos máis inextricables da alma humana e das crenzas máis insospeitadas e terribles. Nin das sombras nin dos homes (como con dor e espanto descubre a doutora) pode fiarse o lector. Unha novela de intriga, suspense, pánico e misterio. Unha narración claustrofóbica, labiríntica, aterradora.
Xosé Miranda Ruíz (Lugo, 1955). Licenciado en Bioloxía. Profesor de bacharelato no Instituto Xoán Montes de Lugo. Narrador e poeta. Especialista en literatura de tradición oral. Como narrador deuse a coñecer co relato Na terra sombría (1988), Premio Modesto Figueiredo; foron as súas obras posteriores: Historia dun paraugas azul (Xerais 1990, 2006), Premio de novela García Barros; A biblioteca da iguana (Xerais 1994, 2006), relatos; A neve e a cadeira (1994), relato longo; A tres bandas (Xerais 1995), novela policíaca; Vestío (1995, Xerais 2008), novela; Partenoxénese (1995), Premio de narrativa fantástica Xenciana, 1994; O demo á orella (Xerais 1996), relatos; «Seis medos» en Antoloxía do conto galego de medo (1996); Morning star (1998), Premio Xerais de novela; Infancia e desventura de Lino Carrán (2000), novela, Ariadna (Xerais 2002), novela; Pel de lobo (Xerais 2002), novela, Premio Merlín 2002; o relato "Tarxeta vermella" publicado en Materia prima (Xerais 2002) e Tarxeta vermella (Xerais 2003), relatos. Os seus contos de medo están recollidos nos volumes Triloxía pánica (Xerais 2000) e As mans do medo (Xerais 2007). Como autor de literatura infantil publicou: Lúa e os nubeiros (2000), O coello Federico (2000), Feitizo (Xerais 2001), Álvaro e Álvaro (Xerais 2004), Federico na silveira (Xerais 2006) e Amancio Amigo e o meigo de Salamanca (Xerais 2006).
|
 |
| Vestio |
| Xosé Miranda |
| Xerais Fóra de Xogo |
| 104 páxina |
| P.V.P: 10,10 € |
|
 |
LIBRO DE ARTE
A neve do tempo, Alberto Pascual Carballo, José Antonio Ocaña Martínez
O escritor e poeta ourensán Alberto Pascual Carballo e José Antonio Ocaña Martínez, recoñecido pintor e escultor galego afincado en Madrid, colaboraron estreitamente para facer A neve do tempo, un libro de arte, moi singularmente no panorama editorial e artístico galegos. Para o crítico Daniel Bouzo, ambos os dous autores "forxaron un valioso libro de artista por cuxas páxinas despregan un fermoso espazo dual e equilibrado co que, a propósito do amor, a terra, a vida e a morte, as dúbidas, encamiñan ao lector ao goce analóxico de dúas artes orixinais que, en lugar de contrapoñeerse, se dan a man: os sentidos poemas de Pascual, e las suxestivas pinturas de Ocaña realizadas con lapis de cor, acrílico e impresións dixitais".
"A xa vedraña relación pintura-poesía, que clava as súas raíces na antigüidade, coas noticias reveladas por Simonides de Ceos (V a.C), Aristóteles (IV a.C.) ou Plutarco (II y I a.C.), patentadas na ut pictura poesis de Horacio (I a.C.); a inflexión do Laooconte de Lessing (1776), e a subseguiente ambivalencia sobre os límites interartísticos argumentadas durante séculos posteriores (Gombrich, Winesatt, Mitchell, etc.), renace nesta orixinal composición na que, como albisca Alfonso Palomares, o prologuista, lonxe do típico libro no que se ilustran uns poemas ou se rima a partir dunha iconografía, Ocaña e Pascual concatenan linguaxes autónomas nas que xurde harmonicamente un mesmo sentir nesta creación. Os propios artistas veñen conferir que este traballo, realizado de manera independente por cada un, conflúe ao xeito dunha percepción do visible e o sensible a través dunha vertente xánica –pintura y poesía–, cal virtual ambivalencia, mais cunha soa moeda: albiscar un retrinco de arte no que entre dúas verbas se desangra A neve do tempo".
Alberto Pascual Carballo (Maceda 1944) é director da Escola provincial de Artes e Oficios, da Deputación de Ourense. Como poeta e escritor publicou, entre outras, as seguintes obras "Más de cien años en la historia de Ourense. Escuela Provincial de Artes y Oficios (1996); "Cascallos cotiáns e líricas breves" (1998); "Faragullas e líricas do solpor" (1999); "A Uva Acedohíbrida de Forxán ou do Humor Gráfico Galego", (2002); "Corral Díaz, pintor", (2004); "Dos avogados e da xustiza, no sentir popular" (2004).
José Antonio Ocaña Martínez (Crecente, 1949) é pintor e escultor. Afincado en Madrid, onde colabora na Facultade de Belas Artes, acredita unha importante traxectoria artística internacional.
|
 |
| A neve do tempo |
Alberto Pascual Carballo
José Antonio Ocaña Martínez |
| Xerais Fóra de Xogo |
| 112 páxinas / edición acartonada |
| P.V.P: 12 € |
|
 |
UNHA NOVELA SOBRE O XADREZ E O ALZHEIMER
Memoria contra Alzheimer, Rafael Laso Lorenzo
Despois do seu paseo polo monte, o protagonista desta novela curta de Rafael Laso non soubo voltar a súa casa. Alí empezou todo. Días despois perdeuse tamén entre as liñas do escrito, e máis tarde non lembraba tampouco os anos que ten, nin sabía en que día vive, nin recordaba sequera o seu nome. Comezou a fallarlle a memoria.
Porén, o protagonista cre ter unha certeza: é campión do mundo de xadrez, o seu deporte favorito, e ten un novo contrincante cun nome raro: Alzheimer. Xoga ao xadrez contra a máquina, contra a memoria. Soña partidas. Lembra xogadas. Mestura movementos dunhas e doutras sobre os escaques do taboleiro. Memoria contra Alzheimer. Unha novela sobre o xadrez e o Alzheimer.
Rafael Laso (Xinzo de Limia, 1965) é escritor e enxeñeiro técnico industrial, na especialidade de electricidade. Como narrador ten publicadas as seguintes obras: Por que Baldomero Quintáns? (2006), Premio de Narrativa Pura e Dora Vázquez e Memoria contra Alzheimer (Xerais 2008).
|
 |
| Memoria contra Alzheimer |
| Rafael Laso Lorenzo |
| Xerais Fóra de Xogo |
| 120 páxinas |
| P.V.P: 10,10 € |
|
 |
Edicións Xerais de Galicia |
|
|
|
 |