Corenta pistoleiros dispararon contra un grupo de campesiños no estado braileiro de Paraná.
O pasado domingo 21 de outubro, un grupo de campesiños e campesiñas entraron na área que emprega a empresa Syngenta para a experimentación con plantas transxénicas no estado do Paraná, no Brasil.
Unhas horas despois chegaba un autobús con aproximadamente 40 pistoleiros que comezaron a disparar. O resultado dese tiroteo foi a morte de Valmir Mota Keno e cinco feridos máis, unha delas, Isabel do Nascimento, aínda está grave.
Denunciando o cultivo ilegal de transxénicos
O terreo no que se atopa a fábrica xa fora expropiado a Syngenta polo estado de Paraná, por incumprir a lexislación que prohibe a experimentación con plantas transxénicas en áreas próximas a reservas forestais.
Despois da expropiación pretendíase transformala nun centro de probas en agroecoloxía, pero unha decisión da xustiza anulou a expropiación, polo que as familias acampadas nesas terras tiveron que saír para deixar paso de novo ás actividades da empresa.
O poder do agronegocio
A empresa é o resultado da fusión doutras dúas grandes empresas. Nunha das súas páxinas web pódese ler: "Syngenta, empresa constituída a partir da capacidade técnica e a solidez de dúas innovadoras da industria, Novartis e Zeneca."
Segundo o Movemento dos Sem Terra, "unha vez máis, o agronegocio demostra que é capaz de calquera cousa para ter o control dos nosos alimentos". Para quen desexe solidarizarse co acontecido e apoiar a loita do MST, pódese enviar un correo a mstpr@mst.org.br ou saber das actividades do colectivo na súa web.