Os pais e nais deste colexio demandan unhas obras prometidas que non se fixeron. Aínda hai outros 17 colexios sen patio no municipio, que Concello e Xunta prometeron arranxar.
A mediados do ano pasado a ANPA do CEIP Salgado Torres da Coruña dirixíase á Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria demandando un patio cuberto para os alumnos (levaban dende a data construción do centro, en 1981, pedíndoo, xa que non contan sequera cun ximnasio para realizar as actividades deportivas).
Naquela altura Educación e mailo Concello da Coruña asinaran un convenio para dotar de cubertas os patios non só deste colexio, senón tamén noutros 17 do municipio. O tempo que se puxeran de límite eran tres anos e, segundo o convenio, cubrirían os gastos con 3 millóns de euros (metade para cada administración).
Sae o anuncio da cubrición do patio no DOG
O pasado 6 de xullo de 2007 publicábase no DOG o anuncio de licitación do patio cuberto do CEIP Salgado Torres, que ía custar, segundo o boletín, 86.749,44 €. O proxecto prevía a cubrición dun patio semiinterior, coa cuberta ancorada á parte inferior das fiestras do primeiro piso, o que para a ANPA do centro vai conlevar serios problemas de iluminación, ruídos e sucidade. Mais tamén hai outro problema para os pais e nais coa nova construción: a cuberta proxectada non cubre dúas das tres portas de entrada ao colexio, que se atopan no patio. O espazo a cubrir para a ANPA non é, "en absoluto", funcional.
O Concello cubre pistas deportivas, a Consellaría só patios
Ao non recibir resposta das súas reclamacións por parte de Educación -primeiro pedíronlles información sobre o proxecto, e logo que o reconsiderasen-, os membros da ANPA recorreron ao Valedor do Pobo, que lles remitiu senllos escritos ás administracións.
O Concello respondeulle ao Valedor que, "a pesar de non ter responsabilidade neste tema", estaba a piques de asinar un protocolo previo ao convenio con Educación, aínda non sendo "competencia municipal dotar nin construír nos centros escolares públicos ningún tipo de equipamento", senón o mantemento do xa construído. E Educación aseguraba que o curso 2007-2008 comezaría coas obras totalmente rematadas.
Mais agora a ANPA denuncia a mala xestión de ámbalas dúas administración, xa as citadas obras aínda non comezaron.