Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cumio de Lisboa

Tony Blair, favorito para ser o primeiro presidente da Unión Europea

O Tratado de Lisboa bota a andar, e xa se comezan a barallar algúns nomes para ocupar o posto de primeiro máximo dirixente permanente da UE.

Redacción - 10:30 20/10/2007
Tony Blair podería ser o primeiro presidente europeo

Tony Blair podería ser o primeiro presidente europeo

O ex primeiro ministro británico Tony Blair é o candidato favorito para ser o primeiro presidente permanente da Unión Europea (UE), un cargo que se crea co Tratado de Lisboa, aprobado polos líderes europeos esta semana, e que comezará a traballar o 1 de xaneiro de 2009.

Tanto o seu sucesor, Gordon Brown, como o presidente francés, Nicolas Sarkozy, afirmaron que Blair faría ben o traballo aínda que recalcaron que é prematuro para falar da repartición de cargos.

Ademais, Blair xa está a facer un traballo como enviado especial do Cuarteto para Oriente Próximo, engadiu Brown. Sarkozy salientou que Blair "é un home notábel, o máis europeo dos ingleses", porén tamén puxo sobre a mesa o nome do primeiro ministro luxemburgués e presidente do Eurogrupo, Jean-Claude Juncker.

De acordo co Tratado de Lisboa, o presidente da UE será elixido polos líderes europeos para un mandato de dous anos e medio renovábel unha soa vez. Entre as súas tarefas atópase presidir o Consello Europeo, preparar os seus traballos e garantir a súa coherencia, así como garantir a representación exterior da Unión, tarefa que compartirá co novo Alto Representante.

Satisfacción de Sócrates e Barroso
O primeiro ministro portugués e presidente de quenda da UE, José Sócrates, e o presidente da Comisión Europea, José Manuel Durão Barroso, coincidiron este venres en sinalar a importancia do acordo sobre o Tratado de Reforma

Segundo sinalaron en rolda de prensa conxunta, o texto que substitúe ao proxecto fracasado de Constitución Europea permitirá unha Europa máis forte para liderar no mundo e para facer fronte aos retos da globalización.

Poden completar a información na web da Unión Europea dedicada ao cumio de Lisboa (en inglés).


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: