Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
UNHA ENQUISA DO UNICEF

Os mozos arxentinos non valoran aos políticos

Prefiren o sistema democrático ao autoritarismo e consideran que dar traballo debería ser a primeira medida do futuro presidente. Ademáis, pensan que deportistas e artistas contribúen máis que empresarios e políticos a solucionar os problemas do país. O pensamento das novas xeracións no país austral.

Débora Campos - 09:45 19/10/2007

Qué pensan os mozos e mozas na Arxentina foi algo máis coñecido nesta semana logo da publicación dos resultados dunha sondaxe que levou ao cabo UNICEF pouco antes das eleccións presidenciais, a partir dun inquérito domiciliario e telefónico a 1.200 mozos de entre 13 e 17 anos. Segundo o estudo, as novas xeracións prefiren o sistema democrático ao autoritarismo, consideran que dar traballo debería ser a primeira medida do futuro presidente e que deportistas e artistas contribúen máis que empresarios e políticos a solucionar os problemas do país.

Un 77,3% dos 1.200 mozos entrevistados dixo que prefire un goberno democrático a un autoritario e o 84% estimou que "o país avanzaría se os dirixentes políticos puxésense de acordo". En tanto, un 72,1% dese total dixo non estar de acordo con que "as persoas que dirixen o país fan o correcto" e o 75% manifestou non crer que "a dirección se preocupe polos temas que lle interesan aos adolescentes".

Que lles chegue a eles


"Os mozos arxentinos queren que a democracia se perfeccione e que tamén lles chegue a eles. Hai un chamado ao mundo adulto para que acepten o desafío de escoitalos", dixo Gladys Acosta Vargas, representante de UNICEF Arxentina, durante a presentación do traballo. Neste sentido, "xerar máis oportunidades de traballo para todos" foi a opción máis votada -que se reflectiu co 30,4% do total- cando se consultou aos mozos pola primeira medida que debería tomar o futuro presidente.O segundo lugar foi para a opción "mellorar as escolas e a educación", que alcanzou 18,6%; mentres que "mellorar a seguridade" logrou o terceiro lugar, con 15,7%; e "controlar a venda e consumo de drogas", alcanzou o 10,2% das adhesións.

A medición mostra un alto nivel de crítica cara á policía, cun 88% para as opcións "regular e mal" cando se lles pregunta sobre o desempeño, mentres que os xuíces alcanzaron un 77% de opinións negativas nese ítem. Nese aspecto, os políticos reciben mellores cualificacións que policías e xuíces, pero a súa credibilidade segue sendo moito menor que a dos deportistas, artistas, xornalistas e mestres, que alcanzan os valores de maior confianza.

Deportistas e artistas

Un 73 % dos enquisados consideran que a actividade que fan os deportistas para solucionar os problemas do país é boa, mentres que un 60,9% pensa iso mesmo dos artistas, un 44,8 % dos xornalistas e un 43,6 % dos mestres. Segundo deixou en claro a enquisa, a televisión é a principal fonte de información sobre os acontecementos políticos, pero o 67% dos mozos admite que saben pouco deses asuntos. "Con todo, eles mostran que coñecen cales son as características que deben ter os que gobernan e apuntan a esixencias de tipo éticas", dixo Acosta Vargas.

Segundo a información publicada pola axencia Telam, o 35% dos 1.200 de adolescentes enquisados elixiu o "escoitar á xente" como a máis importante característica que debe ter un gobernante mentres que en segundo lugar, cun 27,5%, quedou "o ser honesto" e "ser intelixente/capaz" foi elixida polo 16,9% do total. En cambio, o peor defecto dun gobernante é "ser corrupto", xa que se converteu na opción máis elixida entre os 1.200 adolescentes relevados, ao reunir o 24,3% dos votos. Pola súa banda, "non cumprir as promesas" logrou o 22%, e "non escoitar os problemas da xente" foi a opción preferida para o 15,6% dos mozos.Consultados sobre como perciben os adolescentes a situación do país, o 67,2% opina que "máis ou menos", 24,3% di que "mal" e só o 8,1% avalía que "ben".


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: