A nova marca de auga da firma galega poderíase usar como proba xudicial, pois é quen de determinar “co 100% de seguridade” se un vídeo foi manipulado.
Logos dalgunhas das filiais de Televés
O Grupo Televés desenvolveu unha marca de auga que permite "saber se unha imaxe foi manipulada e tamén onde e como". Así o explicou esta mañá en Compostela Santiago Rey, director Tredess, unha das catorce filiais do Grupo.
A empresa aplicará este invento ás súas cámaras de seguridade, entre outros equipos. Con todo, Rey explicou que un dos posíbeis mercados da marca é internet: “todos os sistemas de imaxe poden incorporala, por exemplo, pódese empregar para saber se un vídeo que apareceu do Youtube é orixinal ou procede da adición de varios fragmentos doutros vídeos”.
Posíbel proba xudicial
A firma galega está confiada nas “enormes posibilidades” da súa marca de auga para conquistar sectores como a televisión por internet . Televés asegura que mesmo se podería utilizar como proba xudicial. E é que coa marca de auga pódese determinar co 100% de seguridade se unha imaxe -por exemplo un 'frame' en formato JPEG- foi manipulado, segundo Santiago Rey.
Estas marcas de auga son invisíbeis para o ollo humano e son gravadas pola propia cámara que toma a imaxe, permanecendo nas sucesivas copias do vídeo. De ser quen de aplicalas con éxito aos vídeos en internet, os ingresos de Televés poderían aumentar significativamente.
Patente global
A empresa empezará a incorporar este sistema nos seus equipos de imaxe a comezos de 2008. Polo de agora está a tramitar a patente en Estados Unidos, Xapón e a Unión Europea.
Na creación das marcas de auga participaron cinco técnicos a tempo completo, dous deles do Departamento de Teoría do Sinal da Universidade de Vigo. O Grupo investiu dous anos e medio de traballo e contou coas subvencións da Consellería de Industria.
Marcha de Santiago?
A filial Tredess é unha empresa creada en 2003. Hoxe ten 22 traballadores e factura uns 3 millóns de euros ao ano. Treedess é parte da diversificación de actividades do Grupo, na que tamén se inclúe Arantia, que traballa con solucións de televisión para internet.
Na rolda de prensa desta mañá os directivos de Televés evitaron pronunciarse sobre as súas necesidades de chan industrial. A falta de solo en Santiago ten sido motivo de especulacións sobre a posíbel marcha desta firma da capital de Galiza.