O proxecto afecta directamente o Parque Empresarial comarcal xa en funcionamento e a súa ampliación, actualmente en execución.
A conselleira Teresa Táboas
A Consellaría de Vivenda e Solo presentou unha alegación ante o Ministerio español de Fomento para que se desbote a alternativa 1 e 4 (tramo O Carballiño Sur), e se opte pola alternativa 2 e 3 (O Carballiño Norte), para o trazado do AVE Ourense-Vigo ao seu paso pola comarca.
O proxecto, en período de exposición pública, "ocasionaría importantes prexuízos económicos e sociais ao tecido empresarial da comarca, porque afecta directamente ao Parque Empresarial do Carballiño xa en funcionamento e á súa ampliación agora en execución", alegan dende Vivenda.
Neste senso, a consellaría que dirixe Teresa Táboas considera que a alternativa O Carballiño Norte causaría un menor impacto, e o seu custe sería moito menor tanto no que atinxe á execución das obras como á adquisición dos terreos necesarios para levar a cabo a actuación.
Perda de 592 postos de traballo
De ser desestimada a alegación, Vivenda estima que 16 novas empresas non se poderían instalar na 2ª fase do Parque Empresarial do Carballiño, a piques de se inaugurar, e outras 33 xa instaladas veríanse afectadas, provocando a perda de 592 postos de traballo directos.
A consellaría, encargada do desenvolvemento da ampliación do Parque Empresarial, investiu 3,7 millóns de euros na adquisición e urbanización de terreos, cunha superficie que ascende a 87.660 metros cadrados. Na actualidade, ten 341.395 metros cadrados, distribuídos en 49 parcelas.