Leonid Hurwicz, Eric S.Maskin e Roger B.Myerson gañan o premio polas súas achegas sobre o uso de información estratéxica, usadas a prol de mecanismos de mercado eficientes.
Son na práctica un economista, Hurwicz, e dous matemáticos, Maskin e Myerson, os merecedores do Nobel de Economía 2007. As súas investigacións son a base da chamada teoría do "deseño de mecanismos". Derivado da "teoría de xogos", froito de galardón en edicións anteriores, as súas aplicacións abrollan nos campos da economía e tamén da política social. De xeito concreto, ten que ver coas situacións nas que os mercados funcionan de xeito "eficiente" en función da utilización estratéxica que os diversos actores implicados fan da información privada que posúen.
Recibirán o premio, medalla de ouro máis 10 millóns de coroas suecas, 1,1 millóns de euros, na cerimonia a celebrar o próximo 10 de decembro en Estocolmo, coincidindo co aniversario da morte de Alfred Nobel.
O de economía é o único galardón que non estabelecera Alfred Nobel
Na altura de 1968, o Banco Central de Suecia decidiu crear o Premio Nobel de Economía, que non aparecía proposto no testamento de Alfredo Nobel e que de feito, oficialmente, recibe o nome de Premio Banco de Suecia en Ciencias Económicas en Memoria de Alfred Nobel. Na práctica, a Real Academia Sueca das Ciencias premia con este recoñecemento a matemáticos que teñan realizado achegas significativas aplicadas no ámbito da economía.