Malia recoñecer a caída de actividade no sector da construción, o presidente da CEG, Antonio Fontenla, insiste en reducir a un ano a prohibición.
A caída de actividade no sector da construción de vivendas foi unha realidade recoñecida este domingo nos micrófonos da Cadena Ser polo presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antonio Fontenla. Estreito coñecedor do sector, no que realizan actividade as súas propias empresas, Fontenla queixouse ao fío da norma impulsada pola Xunta para a protección do litoral, que estabelece dous anos de prohibición para a construción a pé de costa.
Segundo insistiu, sería "mellor" reducir cando menos de dous até só un ano ese período. "Nós queremos que se protexa a costa, pero que se faga con axilidade", dixo Fontenla. "Hai concellos que poden soportar eses dous anos, pero outros non", laiouse, indicando qeu hai que protexer o ambiente pero "non a calquera prezo". Por outra parte, propuxo apostar polo fomento de infraestruturas como xeito de paliar a caída de actividade na construción de vivendas. "Se se paraliza algún sector estratéxico como é o da construción, que xera moito emprego e moita riqueza, hai que propiciar medidas alternativas á grande promoción de vivendas, por exemplo, poderíase incidir máis en infraestruturas", explicou.