Críticas de veciños e sindicato á actitude das monxas, que nos últimos días orixinou mesmo unha nutrida manifestación contra esta decisión.
Hai poucos días que unha traballadora da Residencia da Terceira Idade de Chantada foi despedida do seu traballo no centro. Acababa de presentar a súa candidatura pola CIG nas eleccións sindicais. De xeito inmediato, o día seguinte, a dirección do centro, xestionado pola orde relixiosa das Mercedarias da Caridade, comunicoulle que prescindía dos seus servizos.
A dirección argumentou presuntos problemas da traballadora con compañeiras, posibilidade que recoñecen improbábel desde o propio Patronato do xeriátrico, e desde a formación sindical, que subliña a competencia da empregada despedida. Da paradoxal xustificación da dirección dá conta a recollida de sinaturas en apoio dela, que sumou a práctica totalidade do cadro da residencia. Desde o Patronato remítense á cláusula asinada debido á cal se fixo cesión absoluta da xestión do persoal á congregación das Mercedarias da Caridade.
Pero se o primeiro conflito xa fixera que máis dun cento de veciños se botase á rúa nunha marcha contra a decisión das relixiosas, esta semana, a dirección decidía prescindir dos servizos doutra persoa, outra vez dunha traballadora que pretendía acudir ás eleccións sindicais como candidata pola Confederación Intersindical Galega. Desta volta, a manobra foi simplemente a non renovación do contrato. Carme Antas, da federación de servizos da CIG en Lugo, explicoulle a Vieiros que a formación agarda que no acto de conciliación que se producirá en dúas semanas poida corrixirse o acontecido. Para ese mesmo día tamén convocaron unha concentración en Lugo. E habería novas mobilizacións no caso de que non se conseguira a readmisión. De xeito paralelo, solicitaron unha entrevista con Vicepresidencia para expresarlle o malestar co acontecido e facer unha chamada de atención sobre o xeito no que se está xestionando este centro da terceira idade por parte dunha congregación que xestiona un concerto para a atención de preto dun cento de persoas.