O Consello de Contas detectou nun informe relativo ao ano 2004 retribucións variábeis escasamente xustificadas e procesos de selección de persoal pouco transparentes.
O informe do Consello de Contas que analiza a xestión de Sogama ao longo de 2004 tamén se para nos salarios. No mesmo pódese comprobar que o daquela presidente de Sogama, Xaime Bermúdez (proposto pola Xunta), e o conselleiro delegado, Manuel Menéndez (designado por Unión Fenosa) cobraron case 230 mil euros brutos nun ano en concepto de retribución fixa e variábel. No caso do presidente a retribución fixa foi de 101.326 euros, ao que hai que sumar outros 20.265 de pagas variábeis. Pola súa parte, o conselleiro delegado percibiu no mesmo período 87.816 euros de salario máis outros 20.265 de incentivos.
En 2004 a sociedade pública pagoulle 746 mil euros aos 18 traballadores que tiña en nómina: un presidente, un conselleiro delegado, un secretario xeral, sete xefes de departamentos, un asesor xurídico, un xornalista, dúas secretarias de dirección, tres administrativos e un condutor. O resto dos máis de 200 operarios que traballan no complexo medioambiental de Cerceda están contratados a través de empresas privadas que lle prestan servizo a Sogama.
Pero máis aló do importe dos salarios, o Consello de Contas atopa pouca transparencia nas denominadas “retribucións variábeis” que chegaron entre todos os empregados até os 134 mil euros nun ano. O órgano consultivo afirma que estes incentivos determinábaos o conselleiro delegado “que acorda o seu pagamento en base ao exame da produtividade de cada traballador, pero sen que conste un estudo específico dos obxectivos acadados por cada un”. No tocante ao caso concreto do presidente e do conselleiro delegado foi o propio Consello de Administración o que deu a luz verde para os complementos logo da 'boa marcha' que estaba a ter Sogama, aínda que non había naquel momento uns obxectivos fixados para ese ano.
Falta de transparencia na contratación
O terceiro cargo máis relevante na escaleira xerárquica de Sogama, o secretario xeral, percibiu 64.000 euros brutos en 2004. O grave é que no informe do Consello de Contas dáse conta como foi a contratación desta praza pública que se adxudicou en 2001: “En relación cos requisitos esixidos aos aspirantes, cabe sinalar a inclusión de perfís profesionais específicos excesivamente axustados ao posto de traballo puideron supoñer unha limitación ao principio de igualdade no acceso á praza”.
O órgano consultivo tamén lle tira das orellas á sociedade pública noutros procesos selectivos. Especialmente curioso é o feito de que se delegaran nunha empresa consultora externa: Soluziona S.L., que á súa vez filial do socio privado de Sogama (Unión Fenosa).
Noticias anteriores: