Inglés, francés, alemán e italiano aparecen aínda por riba do portugués en canto a número de alumnos.
Un total de 808 persoas formalizaron a matrícula na oferta de formación en lingua portuguesa que fornecen as escolas oficiais de idiomas, EOI, en Galiza. Un pequeno aumento sobre os 780 estudantes que aparecían na estatística do curso anterior.
Das once EOI que hai no país, as oito das principais cidades ofrecen a posibilidade de cursar o ensino oficial de portugués. Por provincias, a de Pontevedra é a que maior número de matriculados rexistra, un total de 330, apenas dez máis ca no curso anterior. Séguelle A Coruña, con 274 alumnos. Ourense e Lugo acollen respectivamente 153 e 50 estudantes nos diversos niveis de portugués. Son en total en Galiza só 28 matriculados máis respecto das cifras do curso anterior, cando 780 alumnos se inscribiran para cursar estudos en lingua portuguesa.
Mirando nas cifras de matrícula das EOI, o inglés aparece a moita distancia destacado nas preferencias dos cidadáns, con case o dobre de matrículas que o resto de idiomas xuntos, 15.307. Alén do inglés, as estimacións son de 1.284 persoas estudando italiano durante o curso 2007-2008, a cuarta lingua en preferencia, 2.009 estudantes de alemán e 3.643 alumnos e alumnas de francés.
Modelo de ensino reformado neste curso A nova ordenación muda a vella estrutura dos cursos nas EOI, suprimindo os dous ciclos anteriores, cun total de cinco anos lectivos. Así, desde este curso comeza a introdución da nova organización do ensino das linguas nestes centros, que fixa tres niveis: básico, intermedio e avanzado, cada un deles cun treito de dous cursos lectivos.