Aproveitando esta data, o Colexio de Biólogos cualifica de "país subdesenvolvido" a Galiza en materia de conservación da natureza.
A situación de perigo na que están especies coma o corvo mariño cristado, a aguia real, o alcaraván ou a avefría, entre outras; a desaparición de poboacións reprodutivas viables de arao e pita do monte, actualmente "ecoloxicamente extintas"; os problemas arredor da declaración da bisbarra d'A Limia como Zona de Especial Protección para as Aves...
Ao fío desta situación, e no Día Mundial das Aves Silvestres, desde o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia, COBGA, afirman que hai exemplos abondo para denunciar a "falta de compromiso" coa conservación do patrimonio natural do país e, en particular, coa protección da biodiversidade galega. Na opinión do colectivo, os sucesivos gobernos están amosando unha continua falta de sensibilidade na atención aos problemas concretos sobre os que se podería actuar desde a administración.
Chamada de atención de SOS A Groba
Por outra parte, contámoslles da marcha organizada este domingo pola plataforma SOS A Groba, creada para a defensa dos valores naturais, arqueolóxicos, culturais e paisaxísticos da Serra da Groba, ameazada por un proxecto de parque eólico pendente de aprobación. Aproveitando o Día Mundial das Aves, realizan esta fin de semana un roteiro en denuncia da construción deste parque, coa que se quere dar a coñecer a grande riqueza ornitolóxica que ameaza o proxecto. Máis información na web de Verdegaia.