Verdegaia e Ecoloxistas en Acción deron a coñecer o informe “Calidade do aire en Galiza 2006”
As asociacións Verdegaia e Ecoloxistas en Acción veñen de publicar o informe “Calidade do aire en Galiza 2006”. Segundo este estudo, o ano pasado superouse até en dezasete ocasións o límite de contaminación atmosférica. Para chegar a esta conclusión, os ecoloxistas compararon os datos oficiais da Rede Galega de Calidade do Aire cos límites estabelecidos na lexislacion.
A análise conclúe que o tráfico e determinadas industrias son os principais responsábeis de que se vulneraran os límites establecidos. Os ecoloxistas sinalan empresas especialmente contaminantes como é o caso de Alcoa, en San Cibrao; a térmica de Meirama (Cerceda); Ence, en Pontevedra; e Finsa, en Compostela.
Por cidades, lémbrase que a capital de Galiza superou o valor limite horario para o dióxido de nitróxeno. Os ecoloxistas subliñan que nalgúns casos puideron ter influído tamén as emisións da grave crise de lumes do verán pasado.
Aínda que recoñecen que houbo avances á hora de facilitar información aos cidadáns, estes colectivos ecoloxistas coidan que aínda non existe unha información pública “suficiente, clara e rápida”.
Poden consultar aquí o informe.