O Sindicato de Xornalistas critica a influencia na autonomía dos medios que causan estas axudas públicas.
A loita contra a precariedade laboral "habitual nas empresas da comunicación" e o impulso do "uso real da lingua" deberan ser criterios fundamentais á hora de estabelecer este tipo de axudas públicas, segundo insistía outra vez esta semana o Sindicato de Xornalistas de Galicia.
O colectivo pronunciouse novamente sobre a cuestión esta mesma semana, ao fío da información publicada na rede por Galicia Confidencial onde se sinala polo miúdo o número de convenios e as cantidades correspondentes que a Xunta acordou cos medios de comunicación. Este tipo de axudas, decididas directa e subxectivamente por cada consellaría, implicaron o reparto de 6.619.642 euros, concedidos maioritariamente aos catro principais grupos de comunicación con actividade no país.
"A ninguén se lle escapa que o actual enorme volume de subvencións inflúe na autonomía que algunhas empresas confiren aos seus xornalistas para cumprir o seu traballo, informar obxectivamente aos cidadáns", sinala nun comunicado o Sindicato, "trátase, ademais, de empresas que en moitos casos ofrecen condicións laborais ínfimas aos seus traballadores".