Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Debate sobre o Estado da Autonomía

Promesa de que 2008 será "ano crucial" para o transporte público

Aumentar en máis dun 50% a utilización do transporte público e reducir as tarifas en máis dun 40% será obxectivo da Xunta até a fin da lexislatura. Ademais, a Xunta pediralle a Fomento a creación dun servizo ferroviario de proximidade.

Redacción - 13:00 02/10/2007

"Comprométome a que esta lexislatura se sitúe como punto de inflexión, como un antes e un despois nas políticas de promoción do transporte público", expresou Emilio Pérez Touriño durante a súa intervención. Esa vontade quedaría explicitada en varios compromisos explícitos, entre eles que en 2008 todas as cidades dispoñan dun billete único de transporte público e que se introduza en menos de dous anos a chamada "tarxeta moedeiro" como medio de pagamento e para facilitar os transbordos entre liñas urbanas e mesmo interurbanas. De xeito concreto, o Goberno agardaría que a curto prazo se duplicase o volume de pasaxeiros do transporte público en Galiza e que as propias taxas baixasen en case o 40%.

Con este proxecto, a Xunta espera contribuír a desconxestión do tráfico nas grandes cidades coa conseguinte mellora na calidade de vida e axuda á loita contra o cambio climático. Con esa fin será presentado antes de que remate o ano o Plan Integral de Transportes de Galicia, abreviadamente bautizado coma PITGAL, que terá un primeiro chanzo na Lei de Fomento do Transporte Público. O proxecto inclúe para o ámbito rural o fomento de consorcios de transporte, o impulso e reforzo do transporte a demanda, o servizo Chama o Bus, e mesmo o Tes + Bus, creado para permitirlle a calquera usuario ocupar prazas de transporte escolar baleiras.

Tren de proximidade
A intervención parlamentaria do presidente da Xunta subliña ademais a arela longamente solicitada por diversos sectores e grupos, o despregue dunha rede ferroviaria de proximidade no contorno das áreas metropolitanas e entre as principais cidades do país. "Vimos de solicitarlle ao goberno español a creación inmediata en Galiza deste servizo ferroviario de cercanías", apuntou Pérez Touriño, quen en días pasados xa se referira a este desexo do bipartito. Alén diso, Touriño indicou que a Xunta pretende que de xeito paralelo á súa creación se lle transfira a Galiza a súa xestión "para garantir a súa operatividade".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: