Representantes da editora recollerán o mércores o galardón por O gran libro dos retratos de animais.
O selo pontevedrés OQO Editora recibirá este mércores o primeiro premio ao libro mellor editado de literatura infantil. O galardón, concedido polo Ministerio de Cultura, entregarao o ministro César Antonio Molina na feira Liber de Barcelona.
A obra premiada é O gran libro dos retratos de animais, de Svjetlan Junaković , que inaugurou a colección Oqart. Está editada en galego, portugués e castelán, e, proximamente, tamén en inglés e en francés. A mesma editorial xa recibira o ano pasado o segundo premio ao mellor libro infantil por A princesa que bocexaba a todas horas, escrito por Carmen Gil e ilustrado por Elena Odriozola, e o terceiro premio ao libro mellor editado a Celestino Tarambainas, de Marisa Núñez.
O gran libro dos retratos de animais foi concibido polo ilustrador croata Svjetlan Junaković e OQO Editora como un percorrido pola historia no que diferentes animais, vestidos coas súas mellores prendas, posaron para os máis considerados retratistas. A obra xoga cunha base histórica afastada dos manuais de arte convencionais e coa verosimilitude dos retratos de animais inspirados en cadros de diferentes épocas.