Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NORABOA AOS LIBROS EN GALEGO

OQO e Kalandraka gozaron de recoñecemento nos premios estatais de edición e ilustración

Celestino Tarambainas é a obra da editorial galega OQO que ven de ser galardoada co terceiro premio aos libros mellor editados de 2006 no apartado de obras infantís e xuvenís, galardón concedido polo Ministerio de Cultura. Neste certame tamén levou a súa parte Kalandraka, a editorial pontevedresa que distribúe na Galiza un libro sobre multiculturalidade de Kókinos, A la sombra del olivo, que levou o primeiro premio na mesma categoría.

- 17:20 08/06/2006
Tags:

O libro que editou OQO foi escollido entre 269 obras foi escrito pola autora galega Marisa Núñez e ilustrado por Mariona Cabassa. Editado en galego, castelán e catalán, ten como destinatarios os nenos de entre 8 e 12 anos. Entre os parámetros que se avaliaron atopábanse a edición, o deseño, a impresión e o acabamento e foi xulgado, xunto cos demais exemplares participantes, por membros da dirección Xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas, editores, impresores e diversas personalidades do mundo da edición no Estado.

Celestino Tarambainas conta a historia fantástica dun home que abraza árbores e constrúe castelos, ademais de reproducir a vida dun home solitario nun mundo hostil. No que respecta a Kalandraka, este novo galardón súmase ao Primeiro Premio Nacional de Ilustración, que lle foi concedido recentemente a Isidro Ferrer pola obra Una casa para el abuelo, que tamén distribúe a editorial pontevedresa para os lectores galegos.

A la sombra del olivo contén un CD con 29 cancións infantís árabes e bereberes -recompilados polas investigadoras Magdeleine Lesasle e Hafida Favret- que forman parte do acervo de nanas, xogos e rimas dos rapaces do Magreb: arxelinos, marroquís e tunecinos. O libro, ilustrado por Nathalie Novi, inclúe tamén unha transcripción da letra das cancións e unha versión en caracteres árabes, que foi traducida ao castelán por Miguel Ángel Mendo.


0/5 (0 votos)